RACHAR A DÉBEDA CON FRANCISCO CARBALLO

O 21 de outubro de 2018, o xornal dixital Sermos Galiza publicou con ese título unha entrevista ao mantedor desta bitácora. Logo, o 26 de outubro, a web da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) titulouna “Entrevista a Santiago Prol en Sermos Galiza”:

“Medio cento de persoas participaron no roteiro cultural pola vila de Maceda para percorreren os lugares de Francisco Carballo cando se van facer catro anos do seu falecemento. O punto de partida foi a Cafetaría Castillo, onde o escritor, presbítero, teólogo e historiador Francisco Carballo (Maceda, 1925-Salamanca, 2014), un dos máis entusiastas impulsores de Sermos Galiza, facía parte dun faladoiro cada vez que regresaba ao seu lugar de orixe. “Alí quedaba Carballo con Bieito Seara e con xente que tiña vínculos con el”, explica, en conversa con este medio, Santiago Prol, un dos impulsores da Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC), entidade que organiza os roteiros na súa lembranza. O último tivo lugar o sábado, día 20, na vila de Maceda. Máis tarde o medio cento de persoas que quixo honrar Carballo visitou o Museo do Médico Rural, “alí lembramos como os médicos de hai setenta ou cen anos ían en besta desde Maceda até lugares como Celeirón, de onde el era natural. Agora a xente vén ao centro médico pero antes os facultativos tiñan un trato máis humano e directo cos pacientes”. A Biblioteca Pública Francisco Carballo foi outro dos epicentros do roteiro. Ademais de contar con boa parte da biblioteca particular que o propio homenaxeado doou ao concello, abeira un espazo dedicado a el con todos os seus libros e con imaxes e cartaces que lembran a súa traxectoria.

Unha figura brillante. Santiago Prol lembra a volta de Francisco Carballo a Galiza, “hai que ter en conta que cando vén de Salamanca era reitor do Teologado, estaba na cúpula do organigrama dos Paúis a nivel Estado. Propóñenlle ser bispo, mais prefire vir a Vigo e romper con todo o ouropel e a oficialidade”. O punto de inflexión, afirma Prol, foi un Terra e Tempo, editado clandestinamente pola Unión do Povo Galego (UPG). “Estando no rastro en Roma, no Trastévere, deu cun Terra e Tempo e iluminóuselle o maxín. Viu que existían marxistas organizados no mundo do nacionalismo a redor da UPG. En 1973 marchou ao mosteiro de Sobrado dos Monxes para pensar sobre o seu futuro e foi cando tomou a decisión drástica: ir cara Vigo a un piso con -outros- curas obreiros”, engade. Por que Vigo? Vigo era un crisol, “a cidade onde se cocía todo na Galiza naquela altura”, di Prol. Foi alí onde “revolucionou a Asociación Cultural de Vigo”. Mesmo en 1977, por iniciativa de Francisco Rodríguez, concorre na candidatura do BN-PG ao Senado pola circunscrición de Ourense, “iso para a Igrexa xa foi o non vai máis”. “Aí empeza un novo Carballo navegando a contracorrente que despois fai unha inmersión global na sociedade. O Carballo transgresor que artella unha pioneira escola de historiadores, que considera fundamental crear a nosa propia historia desde Galiza” [Outrosí o Carballo que alenta o xornalismo en clave nosa co proxecto d´ANT que el avalou economicamente, mesmo respaldando créditos bancarios considerábeis].

Falta de recoñecemento. O membro fundador da Asociación Amigos de Francisco Carballo lamenta que “a Galiza oficial” o ignore. “Carballo morre o 29 de novembro de 2014 e seguimos esperando que a Galiza oficial dea, cando menos, un pésame, ou un agradecemento polos servizos prestados”, denuncia. Coa “Galiza oficial” refírese ás institucións políticas, relixiosas e universitarias. “Loitamos durante anos polo recoñecemento de Carballo como doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, mesmo estando el en vida, mais seguimos sen conseguilo”, agrega, “o Noso País ten unha débeda con Carballo. Mesmo o nacionalismo debería ter máis xestos con el”. A asociación, modesta [agromada na súa Maceda matricial], intenta manter vivo o legado e a memoria de Carballo, un home que “escribiu toda a vida ensaios, traballos, recensións e columnas de contido teolóxico, político, social e histórico”, salienta Prol. Os seus referentes: o Padre Sarmiento, Alexandre Bóveda e Afonso Daniel Rodríguez Castelao (ademais de San Vicente de Paúl)”.