O LIBRO DAS “CONVERSAS” PENEIRADO NA REVISTA “YUCA” (6)
No punto 3.2, O seu pensamento relixioso, insire:
“O feito relixioso é universal e non debe ser excluínte. Non ten toda a verdade. Esquezamos a afirmación prevaticana que dicía: a única igrexa verdadeira é a católica. Sabemos que nesta Igrexa Católica temos tanta verdade que nos anima; pero toda a igrexa que busca ao Deus que Xesús proclamou tamén participa dese espírito. Socioloxicamente falando, para moitos crentes a relixión actúa como “opio do pobo”, consolándoos e ocultándolles a realidade. Hai maxia e fetichismo en numerosos actos de culto nas igrexas… Con outras igrexas hai pouco diálogo… Imaxinade que diálogo podo ter eu cun católico fetichista ou cun islámico fetichista e fundamentalista, cos que non coincido en nada. Tiven amizade con xudeus. Dialoguei moito con xente pagán, que non encaixan en ningunha relixión histórica, que non negan ningunha relixión…
Cando o ateo o é de verdade, non é sectario; a xente é máis ben agnóstica que atea. Eses ateos que se debaten todo o tempo en atacar as contradicións eclesiásticas… que se obstinan en atacar ao Vaticano…, iso tamén o fago eu, porque o Vaticano é unha excrecencia. Á institución eclesiástica tamén a critico eu: hai comunidades relixiosas que son unha cova de víboras; igrexas que son unha fábrica de torturas… Eu non me paso por iso ao budismo ou ao ateísmo. Permanezo eiquí porque atopo uns valores respectábeis. Eu critico os seus feitos deteriorados. O ensino da relixión nas escolas de Primaria e Secundaria a cargo de profesores pagados polo Estado e, cando menos, discutíbel. A relixión é o cultivo da fe, non unha asignatura. Poden selo as mediacións relixiosas históricas”.
N.B.- Os documentos gráficos desta achega aparecen nas páxinas 130 e 131 do libro das “Conversas” (Prol / Carballa, ANT, 2002). A primera é un retrato da súa estadía en Barakaldo a comezos dos anos 60. Abaixo -no centro- cos profesores e alumnos vascos no novo colexio dos Paúis -no barrio de Beurko- do que el foi o primeiro director. A outra é un retrato de 1965. Abaixo (como reitor) cos alumnos de teoloxía no reitorado dos Paúis en Salamanca (4º sentado pola esquerda na segunda liña).