O GLORIANA FAI A ROTA EN MEMORIA DE JOÃO DA NOVA
Con este título, na sección da Hemeroteca do xornal La Voz de Galicia en Ourense [22/02/2018], lembran o comezo da viaxe do veleiro Gloriana, 20 anos antes, que procuraba “a rota dos portugueses”. Naquela altura nós estabamos investigando a fondo ao mariño da casa nobiliaria de Maceda, que callaría no pioneiro, sólido e referente volume “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” (Santiago Prol, 2002), que tivo a ben publicar a Deputación Provincial de Ourense. Dende a redacción central de La Voz de Galicia na Coruña, puxéranse en contacto con nós en febreiro daquel 1998, para que lle fósemos aportando información sobre o nauta galego, á par que eles ían imprentando semanalmente a singradura do veleiro. Eis a nova recuperada do xornal La Voz de Galicia, que mesmo aparece cunha imaxe nosa de Nadal de 2004 [do fotoxornalista Santi M. Amil], diante da estatua xacente dun familiar directo de João da Nova, que se acha soterrado na Igrexa de San Pedro de Maceda, nunha homenaxe e ofrenda floral que lle tributamos ao egrexio navegante, un galego universal, o máis salientábel de finais do século XV e comezos do XVI:
“O Gloriana segue sucando o mar para realizar a coñecida “Rota dos portugueses”, en memoria do ourensán João da Nova (Maceda ca. 1460 – Cochin, India, 1509). O veleiro levou á o día 18 na illa de San Vicente (Cabo Verde), con Xosé Manuel Iglesias como patrón e “comezou a navegación polos mares da lembranza e cun só rumbo marcado nas súas cartas: a recuperación da memoria dos navegantes galegos, neste caso a do ourensán Juan da Nova». Francisco Vigo e Francisco Felipe completan a tripulación deste veleiro clásico que está sufrindo os ventos desfavorábeis e as correntes en contra nestes días. A expedición puxo rumbo a arquipélago canario e atópase a 300 millas ao nordeste de San Vicente e a 300 da costa mauritana. A figura de viaxeiro ligado á casa de Nóvoa de Maceda foi recuperada polo historiador Santiago Prol”. João da Nova trasládase a Lisboa e alístase na mariña portuguesa. É entón cando cumpre o seu soño de viaxar e comeza as súas expedicións por África” [e logo por todo o Atlántico e polo Índico até a India e Ceilán].
Eis o enlace ao orixinal imprentado [en castelán] no xornal La Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2018/02/22/span-langgl-gloriana-ruta-memoria-jo-da-novaspan/0003_201802O22C11994.htm