ARREDOR DO ENIGMA DOS FELOS DE MACEDA
“A xénese matricial da máscara dos Felos de Maceda áchase no corazón da Serra de San Mamede entre corgas, penedos, ríos e covas milenarias. No Val do Medo houbo grupos tribais, sociedades de máscaras, megalitismo e cultos zoolátricos. A demografía castrexa e a rota romana [Vía Nova] acadaron unha singular interpretación cultural neste territorio. Dende o baixomedievo Maceda asentou bastión fortificado. Eiquí fixo inmersión lingüística en galego Afonso X o Sabio. Coa concesión da feira en 1401 despregou o burgo. Despois veu a revolta irmandiña e a rebelión dos vasalos. No enigma dos Felos áchanse todas esas reminiscencias. A súa carauta conforma o paradigma do Entroido galego, en irmandade cos abeirados ao Támega. Porén, amosa masculinización do feminino e mitra faunística da Serra de San Mamede. Co caxato como arma erótica e intimidatoria, a máscara semella transgresora con autoridade, inmunidade e poder de persuasión.
Antano máscaras dos Felos xa aparecían ao lumbrigar o ano. Logo, ao abeiro do Entroido, xeralmente ían en parellas con desprazamentos a pé, trouleo nos asentamentos e faldreo coas mulleres, nun xogo lúbrico e cómplice co caxato. Acougaban nas palleiras os solteiros con rexouba, anarquía e espírito ceibe.
Hogano, sen discriminación de xénero e condición, o Sábado e o Domingo do Entroido reflicten poder de convocatoria. O batallón de Felos abrolla dende a magnética aldea de Castro de Escuadro [á beira do Medrollo], con percorridos polo cordal do San Mamede e polos asentamentos do Val do Medo. Sempre benvidos nas aldeas e nos lugares, amosan brincadeiras, boureo e confraternidade até o solpor.
O cosmopolitismo e a afirmación encriptada do universo Felo vén da man do filántropo Emilio Araúxo e do seu selo AMASTRAN-GALLAR. A poetisa sueca Helena Eriksson esculcou na criptografía do enigma: “I love Peliqueiro, but I am Felo”. Eis a cerna desta totémica máscara ancestral, asentada dende a noite dos tempos no País de Maceda”.
N.B.- Este texto da nosa autoría saíu, con lixeiras variacións, no xornal La Voz de Galicia o 7 de febreiro de 2013, no contexto dun relevante traballo monográfico do xornalista Jesús Manuel García titulado “Nos dominios do Felo”. Imprentouno Emilio Araúxo nas páxinas 140-41 do seu libro “Libremente (felos sempre serra)” [Ed. Toxosoutos, Noia, 2015]. Un inmenso traballo de campo arredor do enigma dos Felos dende os anos 90 do século pasado [de lectura obrigatoria aos interesados neste fenómeno, ao que lle meteremos o dente noutra achega]. ¡Beizón!