O DÍA DA PATRIA

O DÍA DA PATRIA

Francisco Carballo no mitin central dos nacionalistas en Compostela o 25 de xullo de 1981. Foto: Xan Carballa

Imprentaba Afonso Eiré en El Correo Gallego unha columna sobre os 50 anos do Día da Patria Galega (2018). Dicía que esa denominación “seica foi idea de Bautista Álvarez, redactor das follas voandeiras (…). Pero a primeira denominación do Día da Patria, como tal, aparece en 1935 no Mitin de Arengas, celebrado na Praza da Quintana na véspera da Festa Nacional (…). En 1978 institucionalízase a manifestación e o seu remate na Quintana”.

No libro das Conversas (Prol / Carballa, 2002), falamos con Francisco Carballo sobre iso, ao tocar o asunto do seu xuízo [pola verba “asasinou” no pioneiro volume Historia de Galiza (AN-PG, 1979)]:

O 25 de Xullo de 1981 ti fuches o mantedor e o encargado de pronunciar o primeiro discurso do Día da Patria.

“Aquel ano prohibírannos entrar no casco vello de Santiago. Era a segunda vez. Como estaba recén feito o xuízo, escolléuseme a min para dicir o discurso, como unha vindicación a prol da miña persoa. Visto desde hoxe, coido que actuei como un personaxe simbólico. Eu representei alí o acoso ao nacionalismo”.

En 1981 ti xa eras un cadro moi relevante dentro do nacionalismo galego…

“Eles querían meterse co nacionalismo. Como pretexto saín eu de portaestandarte. O BN-PG encargoume o discurso. Foi un 25 de Xullo complicado, porque nos impediron o acceso á Praza da Quintana, pero fixemos a manifestación igual. Había unha petición previa. Denegáronnola xustificando que había moitos actos litúrxicos… O gobernador Pedro Aguerre utilizou esa disculpa. Non creo que houbese influencia eclesiástica, aínda que sei que non lles gustaba nada, nin a Suquía [o arcebispo que substituíra a Fernando Quiroga] e logo a Rouco Varela [o seguinte arcebispo], que o acto central do Día da Patria fose na Quintana. Aínda nos lles gusta hoxe. Eu ía na cabeceira da manifestación con Pedro Luaces, que xa anunciara o seu abandono da UPG. Resistimos na Praza de Galicia, mentres os máis atrevidos forzaban a entrada na Rúa das Orfas. Sentámonos e ollamos a represión policial. Houbo intento de abrir camiño por varias rúas. Botáronnos da praza. Fomos até a Ferradura onde caeron mesas e bancos polo chan no enfrontamento coa policía. Houbo contusións e un final gozoso: ¡non nos sometemos!”

¿Cambiaches o discurso por mor dos acontecementos?

“A carga foi pola tarde. O discurso fora pola mañá na Praza de Galicia, coa policía de fronte. Dixen: ¡temos que resistir, porque o que resiste, vence! Houbo xente que despois cuestionou iso. Un drama. Era un ataque fortísimo contra o nacionalismo galego. Foi unha xornada de loita grande. Serviume de endurecemento, de realismo”.   

Os comentarios están pechados.