CARDEAL QUIROGA PALACIOS & LITURXIA EN GALEGO

CARDEAL QUIROGA PALACIOS & LITURXIA EN GALEGO

Dossier de prensa sobre a autorización do galego na liturxia e a publicación do misal en galego. Fonte: Lemos Montanet / Torres Luna, 2004

En decembro de 1963 a Igrexa Conciliar [Vaticano II] recoñecía o dereito aos pobos expresarse liturxicamente nos seus propios idiomas. En Galiza interpretouse de xeito nesgado [boa parte da Igrexa oficial consideraba o castelán como o idioma do Noso País]. Os cataláns e os vascos tiñan claro cal era o seu idioma vernáculo. Adiantáronse, como case sempre, pois tiñan moito avanzado cos textos relixiosos [misais, biblias, catecismos…]. Quiroga Palacios tivo que pelexar en moitas frontes. Fixo abondosas xestións perante o Vaticano. Porén, soportou unha presión enorme durante os seis anos seguintes na súa arquidiocese. Mesmo publicaron eiquí documentos apocalípticos acusando á Igrexa [e por ende ao Cardeal] de todos os males de Galicia. Agora ben, o 7 de xaneiro de 1969, aprobouse o galego na liturxia e Quiroga Palacios foi o primeiro cardeal na historia do Noso País, que oficiou unha misa en galego, o 15 de xullo de 1971, en Iria Flavia [co gallo do cabodano do pasamento de Rosalía de Castro]. Tivera que poñerse rexo pra conseguir aquela arela, pois había presións internas dende a propia Igrexa [galega e española] e dende o propio Estado español [Réxime ditatorial de Franco], que coaccionaba pra que o galego quedase fóra, pois “xa lle chegaba cos cataláns e cos vascos” e non querían abrir unha nova fronte con Galicia…

O Patriarca das Letras Galegas [Otero Pedrayo] saudando afectuosamente ao Cardeal de Galicia [Quiroga Palacios].

Francisco Carballo contestounos sobre esta fasquía nas “Conversas” [Prol / Carballa, ANT, 2002]: “É un feito a salientar na biografía de Fernando Quiroga. Hai que engadir que o proceso de retardo na entrada do galego na liturxia debeuse, non só a unha causa endóxena, senón tamén a casuística allea. O secretario da Congregación de Liturxia, Annibale Bugnini, retardou o proceso. Foi tal o aluvión de peticións a Roma, de elaboración de libros litúrxicos en tantas linguas a escala mundial, que se viron desbordados. Entón cortaron. Os vascos e os cataláns chegaron a tempo. O noso retrasouse”. Reiteramos que non había eiquí case nada publicado, nin catecismos, nin Biblia, nin misal autorizado…, algo que os vascos e cataláns tiñan dende os tempos da II República. Eis a resposta do historiador e presbítero ilustrado de Maceda, especializado na Igrexa galega, que tamén deixou outra frase lapidaria para a historia: “O Cardeal Quiroga morreu acoitelado pola dereita e pola esquerda”:

“Non tiveramos nunca liturxia, nin catequese en galego. A ese retraso cultural noso uniuse o fenómeno global da Igrexa de ralentización do proceso. Eiquí foi interpretado como unha causa interna exclusivamente. Pero tamén foi un tema externo. En África había un montón de idiomas que non tiñan gramática, nin nada. Entón en Roma optaron pola lentitude. Iso hai que telo en conta, porque en Roma non houbo ningunha obstaculización ao problema galego en particular. Bugnini botaba as mans á cabeza cando lle informaban diso. El era un padre paúl que vivía con nós, cando eu ía a Roma naqueles anos de finais dos 60. Falei persoalmente con Bugnini varias veces sobre o tema da liturxia en galego, mesmo cando a presión dende Galicia era intensa nos sectores máis progresistas, tanto da Igrexa como da sociedade civil (…). A dereita non lle daba ningún chance ao cambio do Vaticano. Como Fernando Quiroga aceptaba iso, facíanlle xogadas fortísimas. O sufrimento del nos últimos anos foi moi grande (…)” [Prol / Carballa, ANT, 2002, pp 34-35].

Quiroga Palacios en Iria Flavia con Sixto Seco e Fernández Albor, logo da 1ª misa en galego oficiada polo Cardeal de Galicia [15/VII/1971]. Fonte: Diego Bernal, 1996
Os comentarios están pechados.