JOÃO DA NOVA NO TOMO XXXIII DA GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA
Na vedraña “Gran Enciclopedia Gallega” [GEG] editada por fascículos en castelán, do emprendedor asturiano Silverio Cañada [30 tomos máis 2 anexos], e tirada no prelo de Heraclio Fournier [o das cartas da baralla] en Vitoria, había unha cativa entrada dedicada a João da Nova [Juan de Nóvoa na súa versión]. Despachaban ao galego máis sobranceiro do século XVI nunhas poucas liñas do tomo XXII, tirando como fonte a Francisco Lanza en “Dos mil nombres gallegos” [1953]. Cando saíu do prelo o noso volume “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” [Prol: 2002, Deputación de Ourense] achegámoslle un exemplar á redacción da GEG, naquela altura radicada na Rúa do Vilar en Santiago de Compostela. No novo proxecto editorial [xa en galego] da GEG, repararon aquela lagoa e inseriron unha entrada moito máis centrada deste macedán universal. Rescatamos o texto completo e agradecémoslle ao consello editorial da GEG a actualización. ¡Beizón!:
“NÓVOA, Juan de [NOVA, João da]. Navegante vencellado á casa nobiliaria de Maceda (Ourense). Nacido a mediados do século XV. Foi un dos protagonistas da conquista portuguesa nas Indias Orientais. “João da Nova. Un mariño galego ao servizo da coroa de Portugal” [Prol: 2002] é a investigación bibliográfica máis recente e mellor documentada, que sobre a súa vida e o seu labor hai publicada. O seu autor, o historiador Santiago Prol [Maceda, 1960], mantén nestas páxinas que Nóvoa, pola súa condición de estranxeiro para algúns, viuse desprazado, alén do círculo real, mesmo por nobres como Francisco de Almeida e pouco despois por Afonso de Albuquerque, sendo esta tamén a causa probable de que non fose estudado na dimensión que o personaxe requiría no seu contexto.
Juan de Novoa é unha das múltiples formas nas que aparece grafado ao longo dos séculos, o nome deste ourensán [a máis común é João da Nova] que, igual que outros nobres galegos, fuxiu ao país veciño por mor das conquistas dos Reis Católicos. Unha vez alí alistouse na Mariña lusa, coa que participou activamente en expedicións realizadas no Atlántico e converteuse en membro da garda real do monarca luso Xoán II. En 1496 [un ano despois de que don Manuel I sucedese no trono o devandito monarca] foi nomeado alcaide de Lisboa, un cargo político e administrativo de gran relevancia, que lle outorgaba xurisdición sobre a garda e defensa do Castelo de San Xurxo e que o colocaba nunha posición estratéxica para manter contacto cos numerosos financeiros que chegaban á cidade de Lisboa, convertida naquela altura nun gran mercado internacional de redistribución de produtos.
Logo das viaxes realizadas por Vasco da Gama [que descubrira unha nova ruta marítima até a India circunnavegando África] e Álvares Cabral [que tocara as costas brasileiras], no ano 1501 foi o mariño galego quen capitaneou a terceira expedición portuguesa cara esas terras, ao mando dunha flota con catro carabelas [revolucionarias], nas que durante moito tempo se pensou que ía tamén como subordinado de Nóvoa, o cosmógrafo florentino Amerigo Vespucci. Segundo Santiago Prol esta hipótese hogano rexéitase contundentemente.
Algunhas crónicas da época sinalan que o navegante ourensán descubriu a Illa Ascensión na súa viaxe cara á India e, na de regreso a Lisboa, a estratéxica Santa Helena [1502]. Durante a mesma expedición, nunha incursión realizada polo Canal de Mozambique, atopou outra illa ao noroeste de San Lourenzo [Madagascar], que bautizou co seu nome [hoxe Juan de Nova Island]. Santiago Prol menciona tamén que, aínda que nunca fose revelado polos poderes portugueses, a prestixiosa historiadora francesa Genevière Bouchon [Revista da Universidade de Coimbra, vol. XXVIII] incide na posibilidade de que na mesma travesía o mariño galego dera tamén coa Illa da Taprobana [máis tarde Ceilán e hoxe Sri Lanka].
No ano 1505, e despois de que Portugal realizara tres novas expedicións á India, Francisco de Almeida [que ía ocupar o cargo de vicerrei] partiu cunha escuadra duns vinte navíos; unha expedición da que tamén formaba parte o nauta galego, que mesmo ía ao mando da impoñente nao Frol de la Mar, o buque insignia da Mariña lusa naquela altura.
Nóvoa e Almeida construíron daquela fortalezas en Kilwa [na actual Tanzania] e conquistaron Mombasa [en Kenia]. Non obstante, unha serie de decisións tomadas polo vicerrei para favorecer ao seu fillo en detrimento de Nóvoa, fixeron que o mariño galego partira [decepcionado] cara Lisboa, onde non chegaría por un imprevisto no camiño. Na Illa de Pemba atopouse coa expedición de Tristão da Cunha [un salientábel nobre e amigo persoal de Nóvoa] por Mozambique. Ambos os dous, con Afonso de Albuquerque, conquistaron en 1507 a Illa de Socotorá. Ao ano seguinte volveu o mariño galego á India e acompañou a Francisco de Almeida cunha potente armada, até a cidade de Diu, no norte da India, coa intención de vingar a morte de Lourenço de Almeida, fillo do vicerrei. A intervención do nauta galego, á fronte do buque insignia da Mariña portuguesa [nao Frol de la Mar], foi decisiva para derrotar na histórica Batalla Naval de Diu [1509] unha potente coalición de exipcios, turcos e indios [coa conivencia dos venecianos], feito que lle deu a Portugal unha efémera hexemonía naquela parte do Océano Índico. É nos últimos meses dese mesmo ano, onde hai que situar a data da morte de Juan de Nóvoa [João da Nova], logo dunha longa enfermidade en Cochin [actual estado de Kerala, India]”.