JOÃO DA NOVA EN ORMUZ (1)
No ensaio João da Nova. Un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal [Santiago Prol, 2002] inserimos un extenso capítulo titulado “Camiño de Ormuz con Afonso de Albuquerque (1507)”, pp 221-262. Aparecería imprentado posteriormente no volume Nobres vencellados ao Castelo de Maceda [Santiago Prol, 2009], de xeito telegráfico no capítulo “João da Nova. O galego máis relevante do século XVI”, pp 119-120. Cinco séculos despois, Ormuz segue amosándose como un punto estratéxico a escala global (a nivel político, económico e militar). Eis a nosa achega compilada e contextualizada:

“João da Nova exercera con éxito misións diplomáticas pola costa africana en Sofala e Quíloa, os grandes portos comerciais daquela parte do Índico. Tamén na India naquel 1505. Decepcionado decidiu regresar a Lisboa na Flor de la Mar. Partiu serodiamente das costas do Malabar. Invernou na Illa de Pemba [a carón de Zanzibar, Tanzania] por mor do monzón desfavorábel [os monzóns son ventos que sopran de abril a setembro do suroeste e de outubro a marzo do noroeste. O monzón do verán é o máis intenso. Sopra de mar a terra, é cálido e provoca intensas chuvias monzónicas; o de inverno amosa características inversas]. Logo complicóuselle a viaxe na zona do Cabo das Tormentas [Boa Esperanza]. Agardou pola seguinte expedición na Carreira da India capitaneada polo seu amigo Tristão da Cunha, xa recuperado da avitaminose, ao que atopou pola zona de São Lourenço [Madagascar] e a canle de Monzambique. Seguiu con el e con Afonso de Albuquerque até a estratéxica Socotorá [hogano inserida na República do Iemen], na entrada do Mar Roxo, onde levantaron unha fortaleza.

Logo João da Nova acompañou a Albuquerque –a contragusto- polas costas de Omán até Ormuz, nunha incruenta incursión a sangue e fogo da que o mariño galego discrepaba abertamente, xa que logo as urbes que non se facían feudatarias [submisas] de Portugal, eran bombardeadas e queimadas, previa amputación de órganos faciais a moreas de varóns islámicos [costume xeneralizado na época] e abusos ás súas mulleres [a relixión dos lusitanos consideraba “pecado mortal” fornicar con femias non bautizadas]. Albuquerque, alcumado O Terríbel, amosou a face máis cruel que un ser humano pode levar dentro. Os enfrontamentos cos outros capitáns subiron de ton. Tres abandonaron a Albuquerque en Ormuz. João da Nova, logo dun terceiro e definitivo encontronazo, tamén se iría cara a India coa nao Flor de la Mar. Agora ben, non desertou como se ten escrito –nunha ousada manipulación da súa biografía- ao longo destes cinco séculos”.