FONSO, O ÚLTIMO MOHICANO DOS ALBARDEIROS DE MACEDA

FONSO, O ÚLTIMO MOHICANO DOS ALBARDEIROS DE MACEDA

Portada de “Batanando” de Uxía Caride Blanco (2007)

Pásanos o escritor Ramón Caride Ogando un enlace que nos retrotrae a unha alfaia videográfica de 1997, autoría de Karlos Abal e X. A. Vilas. Mesmo vinculado á bitácora do Lucas [“Perturbación Aleatoria]. Nese relevante documental aparece o Fonso e tamén o Fofo como protagonistas da última xeración de albardeiros de Maceda. Durante a segunda parte do século XX en Maceda exerceron esa profesión artesanal o Godoy Dopazo, o Fofo, o Jorge, o Turra, o Fonso… Como moi ben dicía el, unha albarda de certo nivel levaba facela un día enteiro. Lamentaba que hogano só había coches e que aquel oficio centenario, que pasara de xeración en xeración, estaba esmorecendo de vez… A súa neta Uxía Caride Blanco imprenta, no singular libro “Batanando” [2007], que “ningún fillo dos tres, ningún dos seis netos seguirá co obradoiro de séculos, que se perderá o sentido das cousas, a función e o nome mesmo das pezas, feitos materia morta, accesorio, museo, formol nos dicionarios. Non máis necesidade, nunca agarimo e tralla para as maos e para as bestas”.

Os albardeiros Fonso e Turra, irmáns de sangue e de oficio. Fonte: “Batanando” de Uxía Caride (2007)

De moi cativos nós vivimos fronte á casa da tía Carmiña e do Fonso. Xogamos moito de nenos cos prim@s pululando -cun recendo inesquecíbel- entre aquel mundo de palla de centeo, coiros, albardas, mulidas, cinchas, argolas, correas, chocas, pexas, cabezais, carrancas, sillíns, collaróns, máquinas de coser, ferramentas [sacabocados, remachadoras, tenazas, tesouras, agullas, dedais, cuchillas -ou medias lúas-, chairas, compases…]. Todo un universo dun oficio tradicional que se perde xunto cos seus protagonistas. ¡Que lle sexa leve a terra ao Fonso, pois acaba de deixarnos con 95 anos de idade! Era o último mohicano daquela caste de albardeiros de Maceda, que formaban parte capital da paisaxe da nosa vila. Gocemos cos 9 minutos e 53 segundos do interesantísimo documental de Karlos Abal [imaxe] e de Xosé A. Vilas [son], que tivo a ben exhumar o amigo Moncho Caride, e que se atopaba ao acubillo na bitácora do Lucas. ¡Graciñas mil aos dous!

Documental “Os albardeiros en Maceda” de Karlos Abal e Xosé A. Vilas [1997]
Os comentarios están pechados.