F. CARBALLO, VELLO SABIO QUE NON ENVELLECEU
Con ese titular, o prestixioso arqueólogo Felipe Senén imprentou un singular obituario na sección “O labirinto do alquimista”, no xornal La Opinión da Coruña, o 7 de decembro de 2014. Imos rescatalo na súa integridade, xa que logo abrangue globalmente a figura de Carballo:
“O pasado 29 do mes dos Magostos finou, nunha residencia da Congregación de Padres Paúles en Salamanca, Francisco Carballo Carballo. Para nós o imprescindible Padre Carballo. Seguidor do Cristo que bota do templo ós mercadores, do paciente Mestre escarnecido. Sólido crente na súa Terra. Referente en canto significa o nacionalismo popular galego de hoxe. Deuno todo por este. Recoñecémolo como druída oficiante cando celebramos festas, vodas, bautizos ou loito. Correspondemos no seu funeral.
Natural de Celeirón de Asadur, terra á que retornan agora as súas cinzas, unha aldeiña labrega deturpada polo franquismo e conseguintemente pola emigración, situada nas abas do Monte do Rodicio, mirando cara ás chairas antelás de Maceda e ós míticos altares da Serra do San Mamede. Terras de boas augas, de barros axeitados para o moldeo nas mans dos habilidosos oleiros de Tioira, Batán, Niñodaguia…, artesáns que sobreviven ofrecéndonos ancestrais herdos e fermosas formas cerámicas. Fillo dun tempo sórdido e gris para canto significaba a misión galega de Rosalía ou de Castelao, de referentes exemplares, os que non se pararon en filigranas vanas, sindicalistas agraristas como o abade de Beiro, Basilio Álvarez, ou na mesma Maceda, Benigno Álvarez, “La fiera comunista”, fuxido e masacrado polo franquismo.
Coherente, comprometido, perseverante, íntegro, amable nos feitos e firme nas ideas, sempre a construír, sen contubernios, nin envelenar nunha Terra dabondo fendida, coa estrela na fronte e no bico un cantar. Nacido o 8 de marzo de 1925, anos de preguerras, guerras, posguerras e sesión continua de nacionalcatolicismo, cando poucos camiños se abrían no horizonte, a non ser os da emigración ou o seminario. Neno confiado ós Paúles do inmediato Santuario dos Milagres do Monte Medo, concello de Baños de Molgas, ribeiras do inspirador río Arnoia, vixiado polo Castelo de Maceda onde se criou o Rei Sabio, sobre o que no 1963 publica a súa necesaria historia “El Santuario del Monte Medo”, celebrado punto de encontro cada 8 de setembro. No 1941 ingresa como novizo nos Paúles, estuda Teoloxía e Historia na Universidade Complutense (1954), os que perfecciona en Barcelona e Salamanca. Entre o 54 e 58 será director no colexio San Narciso de Marín, o que terá case como a súa segunda casa, onde sempre volverá. Do 58 ó 65 estará en Barakaldo e novamente en Salamanca como profesor de Teoloxía e mesmo reitor no Teologado de San Vicente Paúl (1965-71), tamén na mesma cidade profesor do Instituto teolóxico Gaudium et Spes entre 1965 ó 1973.
Home pousón, queremos dicir, sisudo e cos pes na Terra, sen ego, sabendo escoitar e dicir o xusto e o que cumpría, poñendo sensatez e mansedume no seu ambiente: aínda coutado por unha Igrexa do “Imperio hacia Dios”, a mesma dun campante Caudillo baixo palio, de Cristo Rei e outras esperpénticas beaterías, como nos encontros políticos, sindicais, xornadas do ensino, iniciativas culturais que caracterizaron o seu derradeiro tempo. O que dicía o Padre Carballo ía á misa.
No 1973 trasladouse a Vigo como profesor da Escola Universitaria de Maxisterio, entregándose a unha ampla e fecunda actividade na Asociación Cultural, no Frente Cultural da ANPG, para sumarse a crear Promocións Culturais Galegas no 1977, dende as que retomar e refundar o histórico periódico galego A Nosa Terra, sabendo o que significan os medios e as novas tecnoloxías para que un pobo teña voz, avivar o humanismo e a cultura. E nesas se mantivo dende os inicios até o final, aínda entregándose á fundación de Sermos Galiza. Actividades coas que colaborou de todos os xeitos, económicos, literarios, co seu maxisterio e oratoria baril, nun ir e vir como conferenciante para canto significase a sensibilización para a construción dunha Galiza que dicíamos “científica, popular e galega”. Empresas abafadas polas críticas de todos os bandos, pola economía, con máis baixos que altos, máis ben de perdas e ás que entregou todo entre os primeiros accionistas, en silencio, sen doerse nin queixarse, sempre esperanzado. Cabeceiras, intentos editoriais, fracasos tamén, que, dende a perspectiva do tempo, vense engrandecidas, hoxe desactivadas nas mans doutros que as mercaron como se dun supermercado se tratara.
Disposto a sumar, e estar discretamente onde cumprise en nome de Galiza, candidato ó Senado polo Bloque Nacional Popular Galego. Encetada a primeira lexislatura democrática, no ano 1977, cobizaba pronunciar unha memorable arenga: “Son galego de nación. Amo a miña Patria, Galiza, e veño a estas Cortes co único propósito de defender a liberdade do meu pobo, os dereitos da nación galega, seguindo o exemplo daqueles outros nacionalistas galegos do tempo da República…”. Ideas que non envellecen, nin fan envellecer a quen as practica.
Francisco Carballo foi animador e coautor do libro “Historia da Galicia” (1979) escrita en galego, e coa que colaboramos, como arqueólogo na parte de Prehistoria e Antiga, xunto con Anselmo López Carreira e Xosé Ramón Barreiro, edición coordenada e revisada por Millán Picouto. Acusouse, xulgouse na Coruña e condenouse a seis meses e un día de prisión menor e multouse con 20.000 pesetas a Francisco Carballo en xullo do 1981, por “delito de calumnia á policía” ó asinar o texto relativo á parte de Historia Contemporánea de Galiza, na que conta como “no mes de agosto de 1975 Galiza viviu unha onda de terror. Detencións e rexistros domésticos que culminaron o día 12, en que a Policía Española asasinou a Xosé Ramón Reboiras Noia, un dos dirixentes da UPG”. O secuestro e a difusión mediática do libro fixo medrar a súa venda. Pasados os anos, un 12 de agosto do 2009, o Goberno de España, a través da súa delegación en Galiza, e conforme á Lei da Memoria Histórica, nun acto solemne e aberto, repararía publicamente a memoria do nacionalista galego Moncho Reboiras.
Carballo, pese as súas dotes pra oratoria, non era padre de prédicas, si de conversa, da obra feita e pola que coñecelo, disposto a servir, humilde, sen ese ego campante en calquera acalorado debate, cun sorriso e chamada á concordia. Estivo alí onde se lle quixo, cubrindo espazos baleiros, fora das liturxias e dos folións pirotécnicos nos que se anestesia e apampa á cultura, presente nos aspectos relixiosos dende a teoría e a praxe da Igrexa da Liberación, dando o seu parecer en Encrucillada, na Trabe de Ouro… E para furar máis polo seu pensamento velaí un xeito de confesión, as “Conversas con Francisco Carballo”, entrevistado por Santiago Prol e Xan Carballa (ANT, 2002).
A Editorial de A Nosa Terra correspondeulle editando necesarios monográficos de divulgación, como “A Igrexa Galega” (1995), “Alexandre Bóveda” (1999), “Breve Historia de Galiza” (2000), “Martín Sarmiento” (2002). Autor con innumerable obra colectiva, a que mesmo propiciaba como un xeito de abrir camiños en terreos aínda baldeiros, na investigación e na divulgación. Colaborador en ensaios como “Castelao contra a manipulación” (1984), “A Nosa Literatura” (1988), “12 anos na búsqueda da nosa identidade” (1990), “O Mundo desde aquí” (1993), noutra “Historia Xeral de Galicia” (1997), “Actas do Congreso Manuel María”, “Literatura e Nación” (2009), “Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70” (2009), “Xosé Chao Rego. Renacer galego” (2010). Con Alfonso Magariños autor de “La Iglesia en la Galicia Contemporánea” (1978)…
Francisco Carballo non envelleceu. Foi parte sólida do final desa ponte que vén da Xeración Nós ós máis novos, moitos agora mediaticamente apampados polo glamour dos enredos das prédicas. Carballo foi home de feitos, leal ós seus e á súa Terra, a que de seguro lle será leve, parte xa do ronsel de luz, compaña espiritual que sinala camiños dende o Ceo.