F. CARBALLO NA FUNDACIÓN DO BNG EN 1982

Pásanos Xan Carballa outro documento gráfico abondo salientábel. Na páxina 162 do libro “Conversas con Francisco Carballo” (Prol / Carballa, 2002) preguntámoslle:
“Na Asamblea Constitutiva en Riazor (A Coruña, 25 e 26 de setembro de 1982) artéllase o Bloque Nacionalista Galego (BNG). Carballo sae elixido como membro do Consello Nacional. ¿Cal é a evolución do BNG dende ese intre?“
“A situación no ano 81-82 era de crise no nacionalismo, o que provocou unha reflexión fonda no BN-PG e nas outras formacións nacionalistas. Hai conversas. A Asamblea de Riazor ofrece uns principios mínimos, un proxecto e unhas bases organizativas nas que podiamos caber todos os nacionalistas. Porén, o BNG constitúese dende a cultura da esquerda. A estrutura aínda perdura hoxe: unha fronte de persoas e colectivos. Algúns destes só é testemuñal, outros teñen significación ideolóxica ao subliñar concretizacións conceptuais ou organizativas. O BNG funciona. Non copiou. Inventou dende a súa experiencia”.