F. CARBALLO NA EIRA DA XOANA

Hai uns días o doutor Celso Sánchez, membro fundacional da Asociación Amigos de Francisco Carballo de Maceda, fixo unha visita á Eira da Xoana, “un Centro de Educación Ambiental e Patrimonial que, dende o medio rural e para o medio rural, achega a cidadanía galega á cultura e ao bo facer das nosas tradicións, retomando e divulgando os aspectos que fixeron que esta cultura fose sustentábel durante séculos” (www.adega.gal).
Cóntanos Celso que a Eira da Xoana está na Agolada, moi perto de Palas de Rei, pegado a onde ALTRI quere poñer a macrocelulosa. Engade que “no alto da Eira da Xoana hai un espazo que lembra, entre outras persoas, a Francisco Carballo dende setembro de 2015, un ano despois do seu pasamento”. Naquela altura outorgáranlle, a título póstumo, o II Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico (PINCHAR EIQUÍ).

Tamén nos pasa outro documento pendurado naquel espazo que nos axuda a contextualizar esta achega: “En recoñecemento a todas as persoas e comunidades cristiás: leigas e leigos, cregos, monxas, frades e monxes, que ao longo da nosa historia, honraron á Terra nai, unindo cristianismo e galeguidade”. Entre eles, ademais de Francisco Carballo, aparecen Xosé Chao Rego, Moncho Valcarce, Isaac Alonso Estraviz, Leopoldo López Rego entre outro@s. Beizón!