ENTREVISTA EN SERMOS GALIZA ARREDOR DE CARBALLO
Imos rescatar a cumprida entrevista telefónica que nos fixo, en outubro de 2018, co gallo do IV Roteiro “Os lugares de Francisco Carballo”, a xornalista e directora de Sermos Galiza [hogano de Nós Diario], María Obelleiro, que denantes traballara no staff d´ANT, e que o tratara e coñecía persoalmente. Titulouna “Rachar a débeda con Francisco Carballo”:
“Medio cento de persoas participaron no roteiro cultural pola vila de Maceda para percorreren os lugares de Francisco Carballo cando van facer catro anos do seu falecemento. O punto de partida foi a Cafetaría Castillo, onde o escritor, presbítero, teólogo e historiador Francisco Carballo (Maceda, 1925 – Salamanca, 2014), un dos máis entusiastas impulsores de Sermos Galiza, facía parte dun faladoiro cada vez que regresaba ao seu lugar de orixe. “Alí sempre quedaba Carballo coa xente de Maceda, xuntábase con quen tiña vínculos con el”, explica, en conversa con este medio, Santiago Prol, impulsor da Asociación Amigos de Francisco Carballo, entidade que organiza os roteiros na súa lembranza. O último tivo lugar o sábado, día 20 [de outubro de 2018], na vila de Maceda.
Máis tarde o medio cento de persoas que quixo honrar Carballo visitou o Museo do Médico Rural, “aínda non está aberto, mais permitíronnos a visita por deferencia e alí lembramos como os médicos de hai setenta ou cen anos ían en besta desde Maceda até aldeas como a de Celeirón, de onde el era natural. Agora a xente vén ao centro médico pero antes os facultativos tiñan un trato máis humano e directo cos pacientes”.
A Biblioteca Pública Francisco Carballo foi outro dos epicentros do roteiro. Ademais de contar coa biblioteca particular que o propio homenaxeado doou ao concello, abeira un espazo dedicado a el con todos os seus libros e con imaxes e cartaces que lembran a súa traxectoria.
“Tamén aproveitamos para impulsar a bitácora da asociación [agora inserida en santiagoprolmaceda.com], con abondosas achegas nos dous anos que ten de vida”, afirma Prol, “Carballo dá moita cancha porque era teólogo, xornalista, historiador, facía recensións de libros constantemente e produciu unha cantidade enorme de artigos e publicacións”. As últimas entradas versan sobre o roteiro; sobre Castelao, coincidindo coa chegada do cadro “A derradeira leición do mestre a Galiza”, e sobre o libro “Conversas con Francisco Carballo”, do xornalista Xan Carballa e de Santiago Prol e editado en A Nosa Terra.
“Francisco Carballo escribira unhas memorias que non chegara a publicar. Titulábanse “Na fronteira do eclesial e no corazón do debate social” pero, finalmente, decidírase por facer o libro de conversas con nós. Aínda así hai aspectos das memorias que non saíron no libro e que iremos publicando na bitácora”, sinala o impulsor da asociación.
Outro dos contidos máis esperados é a entrevista da xornalista Tareixa Navaza a Francisco Carballo emitida na TVE. Conversa que se proxectou o sábado no roteiro por Maceda, onde se xuntaron antigos alumnos, teólogos, curas, ex curas, amigas e amigos e familiares.
Santiago Prol lembra a volta de Carballo a Galiza, “hai que ter en conta que cando vén de Salamanca era reitor do Teologado, estaba na cúpula máxima dos Paúles a nivel Estado. Propóñenlle ser bispo, mais prefire vir a Vigo e romper con todo iso”. O punto de inflexión, afirma Prol, foi un Terra e Tempo, editada pola Unión do Povo Galego [UPG]. “Estando un domingo polo rastro do Trastévere (Roma), deu cun Terra e Tempo e iluminóuselle o cerebro. Viu que existía xente organizada no mundo do nacionalismo, ao redor da UPG e da AN-PG e, en 1973, marchou ao mosteiro de Sobrado dos Monxes para reflexionar e foi cando tomou a decisión drástica: ir para Vigo”, engade.
¿Por que Vigo? Vigo era “a cidade onde se cocía case todo na Galiza naquela altura”, di Prol. Foi alí onde “revolucionou á Ásociación Cultural de Vigo” e en 1977, por invitación de Francisco Rodríguez, concorre na candidatura do BN-PG ao Senado, “iso para a Igrexa foi o non vai máis”. “Aí empeza un Carballo que despois fai moitas máis cousas, o Carballo que crea esa Escola de historiadores ao abeiro d´ANT e que considera fundamental crear a nosa propia historia desde Galiza”.
O membro da asociación amigos lamenta que “a Galiza oficial” ignore Carballo. “Morre en 2014 e seguimos esperando a que a Galiza oficial dea, cando menos, un pésame, ou un agradecemento polos servizos prestados ao país. Ninguén, dende o mundo oficial, o fixo”, denuncia. Coa “Galiza oficial” refírese ás institucións políticas, relixiosas e universitarias. “Loitamos durante anos polo recoñecemento de Carballo como doutor honoris causa da Universidade de Vigo, mesmo estando el en vida, mais seguimos sen conseguilo”, agrega, “o país ten unha débeda con Carballo e mesmo o nacionalismo debería ter máis xestos con el”. A asociación, modesta, intenta manter vivo o legado e a memoria de Carballo, un home que, malia non se considerar creador, “escribiu toda a súa vida, ensaios e columnas de tipo político e histórico”, salienta Prol. Os seus referentes: o padre Sarmiento, Bóveda e Castelao.”
Eis a entrevista no orixinal de Sermos Galiza, hogano pendurado en Nós Diario: