ENTRADA DE CARBALLO NA ACTIVIDADE POLÍTICA
No cartaz que escollemos para esta achega podemos ollar [na parte superior] a Claudio López Garrido, Paco Rodríguez e Francisco Carballo e [debaixo dos manifestantes] o lema “O nacionalismo unido por unha Galicia soberana”, no contexto previo ás Eleccións Autonómicas de outubro de 1981 [circunscrición de Pontevedra], que xa amentamos na anterior [pinchar eiquí].
Exhumamos das “Memorias” de F. Carballo:
“A entrada na actividade política foi casual. Xa viviamos no piso de Lavadores en Vigo. Chamoume por teléfono Francisco Rodríguez, a véspera de presentar os nomes das listas, para ser candidato ao Senado por Ourense, 1977. Colleume de sorpresa e aceptei… Así entrei nese sector tan decisivo como vixiado pola xerarquía da Igrexa católica, que ve a disgusto que o clero realice funcións nese campo. Certo é que eu estaba sen cargo pastoral e non me afectaba lei ningunha prohibitiva, pero si a mentalidade autoritaria; menos aínda que participara cunha formación na que estaban marxistas e leninistas con outros só galeguistas. Unha experiencia inesperada e impactante. Logo seguiron outras convocatorias [Autonómicas, Municipais e Xerais] nas que participei activamente. A miña candidatura fíxome ser coñecido neste Noso País e participar máis no entramado social. Dende 1982 pertencín ao Consello Nacional do BNG por elección na 1ª Asamblea. Deixeino en 1985 cando a saúde me danou (…)”.