CINE DE VERÁN CON ALIEN O OITAVO PASAXEIRO

CINE DE VERÁN CON ALIEN O OITAVO PASAXEIRO

O activista Bieito Seara, abandeirando a segunda xeira da Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda, levou adiante, nos primeiros anos da década dos 80, un salientábel proxecto de cinema de verán ao aire libre. Proxectábase aos venres logo de empardecer durante o mes de agosto, ao abeiro das Festas das Neves, nun espazo moi aqueloutrado (a Aira das Mantas), no centro urbano da vila de Maceda. A xente sentábase no chan ou traía unha silliña pequena de camping, para gozar da maxia do cine. Pendurabamos unha saba dende a parte de atrás da casa do Losada que facía de pantalla. A primeira (e xa histórica) película que se proxectou foi “Alien, o oitavo pasaxeiro” (1979), o canónico filme de ciencia ficción e de terror dirixido por Ridley Scott, que mesmo marcou un antes e un despois, coa arrepiante aventura da nave espacial Nostromo e da noxenta criatura alieníxena axexando, aterrando e ultimando aos membros da tripulación, da que só sobrevivira a suboficial Ripley (Sigourney Weaver). Aquela sesión de cinema de verán amosábase atestada de xente de todas as idades e procedencias, xa que logo estaban tamén os veciños macedáns (e fillos) que tiveran que buscarse a vida en Madrid, Cataluña, no País Vasco ou en Centroeuropa e que regresaban (e regresan) no período estival ao seu lugar de orixe. A todos quedounos gravado “Alien” no maxín para sempre. Bieito máis eu ollamos o filme dúas veces no mesmo día. El quería comprobar se os tres rolos da película viñan ben. Así, cinco horas antes da proxección anunciada,  quedamos abraiados (no almacén de viños e birras de seu pai, sentados en caixas de bebidas alcohólicas e de gasosas), coa escena do bicho saíndo da barriga dun dos tripulantes mentres xantaban. De pantalla empregaramos o inmenso portón do local… Logo virían tres secuelas e, non fai moito, dúas precuelas. Agora ben, o filme canónico de referencia foi o de 1979. Atopamos en youtube unha versión completa (1 hora, 56 minutos e 54 segundos), dobrada ao castelán latino, abondo mexicanizado, nun “canal no monetisado”. “Éntrele, éntrele”:

https://www.youtube.com/watch?v=5xPgw4qODsE