CASTELAO CONSONTE CARBALLO

CASTELAO CONSONTE CARBALLO

Portada do caderno “A Nosa Cultura, 12” (ANT)

As incursións do historiador Francisco Carballo na figura de Castelao foron constantes dende que regresou a Galiza en 1973. Desta volta imos recuperar, nunha data tan sinalada [75 cabodano do pasamento de Castelao, 7/I/1950], o que nos contaba nas Conversas [Prol / Carballa, 2002]:

A Castelao defínelo como “a toma de conciencia do pobo diferenciado e o nacionalismo posibilista”. ¿Por que se procura difuminar o seu pensamento do período 1939-1950?

“Para os centralistas españois Castelao é un antagonista dun estado uniforme e do nacionalismo español. Para o galeguismo que non acepta o aspecto político autodeterminista, tamén, porque o Sempre en Galiza desemboca defendendo esa alternativa. Seguen a dicir que Castelao é máis importante como escritor e artista que como político. Como o debate está na sociedade, ocúltanse as súas ideas ou minimízanse. Quen o teñen que por ao día son os interesados no seu programa e na sua herdanza. O significado da obra política de Castelao dos anos 1939-1950, ten sido agachado coidadosamente por moitos.

O Sempre en Galiza, do que nos anos sesenta se dicía que era unha Biblia para os galegos, é un libro fundamental que necesita unha hermenéutica. Ten vixencia para moitos anos e, dalgún xeito, vai tela permanentemente, pero non debe limitar, senón fomentar a reflexión”.

Os comentarios están pechados.