CARTA AO SEÑOR FUTURO
A comezos de 2008 Francisco Carballo imprentou no semanario ANT unha columna con ese título. Sabiamos da súa querenza polos escritores uruguaios Eduardo Galeano e Mario Benedetti. Tivemos a fortuna de escoitalos -ao igual que Carballo- eiquí, en Compostela, máis dunha vez:
“Non quero deixar de sumarme a ese agasallo en galego de Eduardo Galeano (Laiovento, 2008), unha escolma longa e trepidante de artigos deste avogado e xornalista para nós (…). De Galeano teño sempre á man “Las venas abiertas de América Latina” (1971). Mil veces a completar coas veas abertas de Galiza. Esta Patria que non se significou na colonización e si na inmigración a todo aquel continente. As nosas veas foron abertas eiquí e aló.
Galeano é un xornalista que peta nas conciencias. Os seus artigos estalan de novo. Fixérao en Compostela, 2006, nunha conferencia sobre os sete pecados capitais. O racismo segue e envurulla pouco entre nós, moito nos “cabezas rapadas” dos nacionalismos estatais. Ten ao machismo como aliado. Entre nós aínda existe autoodio que devora familias e produce bífidos e mercenarios das metrópoles.
Galeano enumera máis: a represión en escada, o mundicio –o maior magnicidio da historia- , os satelitismos dos mass media, e os “medos” a cambiar. Estes que sempre están a dicir “máis vale o malo coñecido que o bo por coñecer”. Son os “obedientes” que odian, mais se someten por un prato de lentellas. Temos, por envío de Eduardo Galeano, unha doazón: abride os ollos, non teñades medo, desde Montevideo fitan e confían en vós”.