CARBALLO, XOSÉ LOIS & SABELIÑA

CARBALLO, XOSÉ LOIS & SABELIÑA

Fonte: ANT, 25 de xullo de 1981, páx. 23

No semanario A Nosa Terra, no número 160, con data do 25 de xullo de 1981 [Día da Patria Galega], atopamos a figura de Francisco Carballo en non poucas páxinas: na 2 como conselleiro do periódico, na 3 no “cadro negro” por mor do seu proceso e resolución xudicial, na 7 e na 8 cunha extensa entrevista [“Francisco Carballo. A materialización do proceso ao noso pobo”] e a crónica do proceso [“Xuízo á Historia de Galicia”], polo que fora condenado a seis meses e un día de prisión menor e a pagar 20.000 pesetas de multa por “inxurias” contra unha institución do Estado, a policía española, que o xornal cualifica como “delirante”. Outrosí na páxina 10 cun traballo monográfico da súa autoría [“Momentos decisivos na toma de conciencia de Galiza”], que remata cunha frase lapidaria: “Un pobo organizado, con conciencia revolucionaria, alertado e unido, xamais será vencido”.

Fonte: Promocións Culturais Galegas (ANT)

Na páxina 23, ademais dun telegrama a prol da liberdade de expresión por mor do xuízo a Francisco Carballo, aparece unha singular tira do influente caricaturista Xosé Lois coa Sabeliña, entrañábel personaxe, “unha nena labrega moi retranqueira, sabichona e, sobre todo, moi política”, en declaracións do propio humorista gráfico ao Faro [1/VI/2008]. A Sabeliña fixo historia no semanario A Nosa Terra, ao igual que O Carrabouxo no diario La Región [na Praza de San Lázaro de Ourense hai un monumento dedicado a este retranqueiro protagonista]. Nas dúas primeiras viñetas daquel número d´ANT, na páxina 23, a Sabeliña -moi crítica- dille ao seu amigo: “Fíxate: por dicir que asasinaron a Moncho Reboiras… xulgaron a un historiador!!” Na terceira el contesta: “Probe!” Na cuarta el pregúntalle á Sabeliña: “E asasinárono ou non o asasinaron?” Ela respóndelle -con sorna- na quinta: “Home, non creo que cheguen a iso… O fiscal soio lle pediu un ano”.

Fonte: ANT, 25/VII/1981, núm. 160

Trinta e tres anos despois, en decembro de 2014, o Xosé Lois trazou unha caricatura moi aqueloutrada ao abeiro do falecemento de Francisco Carballo, que apareceu imprentada en Sermos Galiza e que logo nos permitiu empregala no díptico da Homenaxe Nacional que lle fixemos en Maceda o 27 de decembro daquel ano. Nela podemos ollar o busto de Carballo pendurando unha estrela vermella de cinco puntas escintilante e, ao seu carón, unha lograda sentenza que o abrangue globalmente: “O home que puido ser bispo e preferiu ser patriota galego!”.

Fonte: Sermos Galiza, decembro 2014

Graciñas mil ao Xosé Lois pola súa implicación a prol do fillo sobranceiro de Maceda, un galego ilustrado, bo e xeneroso, comprometido a tempo completo coa dignificación do Noso País. Beizón!

Os comentarios están pechados.