CARBALLO, SEMPRE NO CORAZÓN

CARBALLO, SEMPRE NO CORAZÓN

Autor do vídeo: Xan Carballa, 2014

Volvemos rescatar un documento audiovisual entrañábel, teimando no centenario do seu nacemento [8 de marzo de 1925 no lugar de Celeirón, parroquia de Asadur, concello de Maceda, bispado de Ourense). Co gallo da “Homenaxe Nacional a Francisco Carballo”, que organizou o Concello de Maceda, o 27 de decembro de 2014, o xornalista, reporteiro gráfico, editor e amigo do presbítero ilustrado de Maceda, Xan Carballa, artellou un fermoso vídeo que nos chegou ao corazón a todos os presentes naquel masivo acto no Multiusos da nosa vila. Un día histórico para Maceda, para os amigos e tamén para os familiares del.

A prensa do día seguinte titulaba: “Maceda honra a un home bo e xeneroso, Francisco Carballo” (La Región); “Maceda homenaxea ao teólogo nacionalista Francisco Carballo” (Faro de Vigo);  “Carballo une aos nacionalistas (La Voz de Galicia); “Maceda rende a súa homenaxe a Carballo” (El Correo Gallego); “O Carballo do compromiso e a fe continúa vivo no corazón de Maceda” (Sermos Galiza); “Maceda homenaxea a Francisco Carballo, figura importante do galeguismo” (Galiciae); “Homenaxe ao home que tiña fe na liberación nacional” (Sermos Galiza); “Maceda despide a Francisco Carballo cunha homenaxe” (Praza Pública); “Paco Carballo: cando a Patria se volve corazón” (Asociación Irimia)…

N.B.- Este vídeo ten unha duración de 13 minutos. Boa parte do mesmo tira das gravacións para o libro das “Conversas” (Prol / Carballa, ANT, 2002), que tivemos a ben facer con Francisco Carballo en Chan do Monte, no colexio dos PP Paúis de Marín. Pódese ollar en “youtube” co título “Francisco Carballo,  sempre no corazón”, e xa abeira as 1.500 visualizacións. Na homenaxe que estamos a preparar para o centenario, coidamos interesante volver ao mesmo en Maceda nesa altura [pinchar eiquí]. Quedamos convocados. Beizón!

Portada das “Conversas” (Prol / Carballa, ANT, 2002)
Os comentarios están pechados.