CARBALLO NUN MITIN DO BLOQUE
“Por unha Galicia sen silencios nin servidumes”. Ese era o lema do BLOQUE [naquela altura de 1981 baixo as siglas BN-PG, con cadros da ANPG, da UPG e do PSG]. Na imaxe desta achega, que nos pasou Xan Carballa, podemos ollar a Francisco Carballo mitineando [“o mellor orador dende o 36” en verbas de Afonso Eiré]. Foi nun acto político en Vigo na campaña das Eleccións Autonómicas, que se celebraran o 20 de outubro daquel 1981. Carballo ía pola circunscrición de Pontevedra de terceiro, detrás de Claudio López Garrido e de Francisco Rodríguez. O BN-PG lograra tres deputados: Bautista Álvarez pola cirscunscrición da Coruña, Lois Diéguez pola de Lugo e Claudio López Garrido pola de Pontevedra.
Aos poucos meses negáranse a “xurar” a Constitución os tres deputados do BN-PG. Foran expulsados do Parlamento por mor dunha norma que fora introducida para adquirir a condición de deputado, nunha reforma escorada e intencionada do regulamento da cámara para silenciar ao nacionalismo. Nun editorial en A Nosa Terra, Francisco Carballo escribía que “acatar non era o mesmo que aceptar”. Logo engadía nas Conversas [Prol / Carballa, 2002]: “Era unha trampa do poder. Esas trampas estanse a utilizar constantemente. É o xogo do que falamos entre Ética e Política. Estás obrigado a seguir os principios que defendes, pero iso non che impide flexibilidade, realismo, adecuación, intelixencia para non caer nas trapelas”.