BENIGNO ÁLVAREZ, COLUMNISTA NO SEMANARIO LA REPÚBLICA

BENIGNO ÁLVAREZ, COLUMNISTA NO SEMANARIO LA REPÚBLICA

Fonte: “Benigno Álvarez. Un comunista na Galiza dos anos 30”, páx. 187. [Prol: 2008]

Xa dixemos na achega anterior que Benigno Álvarez colaboraba con certa asiduidade no semanario La República, no que tamén inserían traballos e artigos os “popes” do galeguismo, do socialismo e do republicanismo ourensán. Desta volta imos recuperar un par de parágrafos dalgunhas columnas que imprentou na segunda parte de 1930:

“O rexurdimento cidadán que, por fortuna vai apoderándose dos nosos pobos, adquiriu nesta vila de Maceda a máis alta e significativa expresión coa xuntanza de todos os “bos e xenerosos” arredor da bandeira republicana (…). A conciencia cidadá espertou perante os duros aldraxes dos que foi obxecto. Os tempos son chegados. A consigna está dada e os republicanos de Maceda, resoltos a apeitar co que as circunstancias demanden, adoitan dende agora unha consigna clara, determinante e redentora: ¡en pé!”

Serra de San Mamede vista dende a casa matricial de Benigno Álvarez. Foto: Santiago Prol

“O pobo está abraiado, sepultando as pantasmas que o dominaron, enganándoo durante moitos anos (…). Aínda que o mundo non ten présa, as xeracións si, e a nosa máis. É necesario suprimir tanta etapa de convencemento que non serve máis que pra acentuar o sorriso dos que apuntalan a leria, que lembran que aínda teñen a “Gaceta” onde saen as súas leis interinas, feitas pra antollo particular e necesidade puntual. Así, tarde poderemos saber quen son os raposeiros, os solapados, os espíritos estreitos, os que fan unha feira de apetitos inconfesábeis. Tampouco quen son son puros, os rebeldes, os que soben ao cumio porque saben que dende o alto todo é fermoso, e que só alí, entre o azul intenso, o sol que se desangra e a impoñente montaña, está a liberdade, máis verdadeira que a gloria, máis necesaria que a vida”.

Os comentarios están pechados.