BAUTISTA ÁLVAREZ E FRANCISCO CARBALLO

BAUTISTA ÁLVAREZ E FRANCISCO CARBALLO

Fonte imaxe: nosdiario.gal

Lembramos a Bautista Álvarez en varias das homenaxes que, dende Maceda tivemos a ben facerlle a Francisco Carballo. Sabiamos da súa fonda amizade dende que Carballo regresou a Vigo en 1973. Bautista estivo na homenaxe que lle tributamos ao presbítero ilustrado de Maceda o 4 de agosto de 2000, ao abeiro da nosa torre medieval, na súa casa natal en Celeirón de Asadur e na biblioteca que hogano leva o nome de Francisco Carballo. Alí Bautista reencontrouse cun antigo compañeiro do Seminario de Ourense e da Facultade de Filosofía e Letras na Complutense en Madrid. Era o noso tío Agustín Blanco Garrido que nos tiña falado cumpridamente del e que mesmo seguía a súa traxectoria política dende a distancia. Levaban case medio século sen verse.

Bautista mesmo foi a Salamanca para acompañar a Carballo na última xeira da súa vida e darlle alento. Ollamos a Bautista outra volta cando inhumamos a Carballo. El foi o que nos aguilloou a todos os presentes para que cantásemos o Noso Himno, mentres as cinzas do historiador macedán se reencontraban coa terra que o vira nacer na campa de Asadur. Outrosí volveu Bautista á nosa vila para estar presente na Homenaxe Nacional póstuma que organizamos dende o Concello de Maceda, poucos días despois do soterramento de Carballo, o 27 de decembro 2014.

Díptico da Homenaxe de Galiza a F. Carballo. Arquivo do autor

Cando fixemos o libro das Conversas [Prol / Carballa, ANT, 2002)], Francisco Carballo falounos de Bautista Álvarez en varios capítulos. Imos recuperar o intre no que o nomea por primeira vez no volume, xa que logo dende aquela mantiveron unha relación persoal e ideolóxica que endexamais se fendeu:

“Inscribinme na Asociación Cultural aos quince días de chegar a Vigo. Estaba de secretario un mozo que me dixo que non funcionaba. Pouco despois foi cando Bautista Álvarez empezou a funcionar alí. Coñecino na Cultural. Ao comezo só participei en conferencias que se convocaban, pero desde o 1976 xa intervín máis desde dentro. A Asociación Cultural utilizouse como plataforma política naquela época. Primeiramente por todo o galeguismo e o antifranquismo en xeral. Logo foi indo na liña da UPG (…)”.

Homenaxe a Francisco Carballo. Celeirón de Asadur, 4/VIII/2000. Arquivo do autor

Nesta imaxe podemos ollar a Francisco Carballo con familiares que o felicitan diante da súa casa natal en Celeirón de Asadur (Maceda). Tamén podemos ver a Bautista Álvarez, Manuel María e a súa compañeira Saleta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bieito Seara, Manuel Rodríguez Carballo, Xulio Conde, ao mantedor desta bitácora e outra xente de ben, que o acompañou naquel memorábel 4 de agosto de 2000. Beizón!

Os comentarios están pechados.