AUDIOVISUAL ARREDOR DA AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS

AUDIOVISUAL ARREDOR DA AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS

Conforma este audiovisual [120 imaxes] un salientábel documento colectivo na historia recente de Maceda, elaborado dun xeito artesanal, moi entrañábel no fondo e tamén na forma, fermoso visualmente e cheo de sensibilidade, arredor da histórica Agrupación Cultural Os Cabaceiros e o seu contexto. Mesmo vai acompasado, como pano de fondo, co poema “Volvín á terra pro perdín o amor” de Bernardino Graña, musicado polo cantautor Suso Vaamonde [conformando unha das mellores cancións da súa traxectoria]. Fixémolo co gallo da presentación en Maceda do traballo “Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda (1974-1986). Doce anos de concienciación e de identidade” [Prol: 2019], inserido no libro colectivo “Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976)”. Terra e Tempo, núm. 180. Compostela, 2019.

Portada e contraportada do Cancioneiro de Voces Ceibes interpretado en Maceda, Nadal de 1974. Arquivo do autor.

En achegas posteriores meterémoslle o dente ao que foi aquel singular acto cultural en Nadal de 2019 [28 de decembro], no que estaban con nós os doutores José Manuel Lage e Celso Sánchez e o incansábel activista Xosé Bieito Seara. Outrosí faremos o propio co contido do noso traballo naquela publicación. Agradecer outra volta ao infatigábel reporteiro gráfico Juan José Pérez Ramos a súa capital colaboración, ao pendurar este audiovisual en Maceda Na Rede. ¡Beizón!

Os comentarios están pechados.