A “POPULORUM PROGRESSIO” EN GALEGO NOS MILAGRES, 1969

A “POPULORUM PROGRESSIO” EN GALEGO NOS MILAGRES, 1969

Santuario dos Milagres do Monte Medo. Foto: Santiago Prol

En Aproximación á Historia da Igrexa galega (1939-1975) [Encrucillada, nº 3, 1977], o historiador Francisco Carballo imprentaba que a xerarquía fora moi lenta en asumir os novos xiros da doutrina social da Igrexa, expresada por Xoán XXIII e por Paulo VI no Vaticano II. En 1969 a lectura da Populorum Progressio en galego no púlpito do Santuario dos Milagres, fora censurada polo bispo Temiño porque dicía que “lida sen contexto podía ser mal interpretada”…

Viñeta do Xosé Lois dedicada a Francisco Carballo. Arquivo do autor

No libro das Conversas [Prol / Carballa, 2002] falamos con Francisco Carballo sobre esa fasquía. Desta volta foi máis explícito: “En setembro de 1969 realicei dende o púlpito do Santuario dos Milagres do Monte Medo unhas lecturas comentadas da Populorum Progressio, a sonada encíclica de Paulo VI na que advertía dos perigos dunha concepción do progreso limitada exclusivamente aos aspectos materiais e na que lle metía o dente á economía social. Tiven algúns problemas. Souben que o bispo Temiño seguía aquilo con moito interese pola radio (emitíase en directo pola Cadena SER para toda a provincia de Ourense). O prelado estaba moi nervioso [tiña espías que lle comunicaban todo o que facía F. Carballo alí]. Quería que eu desistise. Non chegaron a prohibirme seguir predicando a encíclica, pero insinuáronme que amolecese o tema para que a cousa non fose a máis co bispo. A min persoalmente non me dixo ren. Eu, ademais non residía na diocese de Ourense. Orabén, xa tiveramos unha diatriba polo emprego do galego na liturxia. Mandeille unha carta porque quería que se oficiase a misa en galego. Os bispos tamén se retrotraían, pois eu estaba naquela altura nun cargo relevante como reitor do teologado dos Paúis en Salamanca. Se eu non tivese aquela posición, poida que me obrigase a non seguir predicando aquela encíclica, pero contentouse con facerme chegar só a ameaza”.

N.B.- Populorum Progressio [pinchar eiquí].

Os comentarios están pechados.