A GRANXA DE MEIRÁS E DONA EMILIA

A GRANXA DE MEIRÁS E DONA EMILIA

Capela e Torres laterais de Meirás. Foto: Santiago Prol

No capítulo “La Granja y el Pazo de Meirás”, Manuel Vidal (1939) revela que aquel era o lugar predilecto da condesa. Ela nacera alí e pasara  a súa primeira xuventude pululando polas súas estancias e xardíns. Gozaba dunha privilexiada posición xeográfica co arrecendo do mar e os aires da montaña. Era a mansión ideal para desenvolver traballos intelectuais e creacións literarias. Contaba daquela con cen especies de flores diferentes que ela supervisaba a cotío. Mesmo recupera un breve texto da condesa en Apuntes autobiográficos: “En este rincón de las Mariñas, en esta celda de la vieja Granja de Meirás, es el lugar donde siento más de continuo la ligera fiebre que acompaña a la creación artística”.

Bosque de bambú en Meirás. Foto: Santiago Prol

Emilia Pardo Bazán pasaba nas Torres de Meirás un anaco da primavera, todo o verán e boa parte do outono. Ela mesma ordenara demoler parte do vello pazo e construír as novas torres baixo a súa dirección e a expensas das súas publicacións literarias e a solvente posición económica previa. As obras da reforma duraran dez anos (1897/1907). O deseño correra a cargo do arquitecto José Lampárez, amigo da familia, que tivo en conta os gustos da filla literata e da nai Amalia Rúa-Figueroa y Somoza que casara en 1850 con José Pardo Bazán Mosquera Rivera. Ao ano seguinte daquel desposorio nacería a súa filla Emilia. Non tiveran máis descendencia. 

Vista aérea do Pazo de Meirás.

Dispuñan as Torres de Meirás dunha escollida biblioteca privada que ía fornecendo constantemente a escritora. Mesmo exercía persoalmente de bibliotecaria e non permitía que fosen sacados libros extra muros de Meirás. En todos os seus volumes, por debaixo do seu ex libris, escribía: “Libro mío muy amado. Antes muerto que prestado”. A Torre de Levante estaba dedicada en exclusiva ao servizo vital e creativo dela. A planta baixa, formando unha soa peza, a biblioteca, despacho e recibidor particular. O primeiro piso a dormitorio, o segundo a tocador e vestiario e  o último como estudio, o lugar de traballo intelectual e literario. 

Fonte: cervantesvirtual
Os comentarios están pechados.