A FACETA MÁIS HUMANA DE BENIGNO ÁLVAREZ

A FACETA MÁIS HUMANA DE BENIGNO ÁLVAREZ

Entrevista no xornal La Voz de Galicia [12/VI/2008]. Arquivo do autor

O xornalista Xosé Manoel Rodríguez fíxonos unha entrevista antes da presentación en Maceda do libro “Benigno Álvarez. Un comunista na Galiza dos anos 30” [Santiago Prol, ANT, 2008]. Apareceu publicada, o 12 de xuño de 2008, no xornal La Voz de Galicia:

“O castelo de Maceda vivirá mañá unha cita longo tempo agardada: a recuperación dunha figura emblemática da comarca e da provincia que viu truncada a súa vida pola represión falanxista que trouxo consigo a guerra do 36. Na Torre da Homenaxe, ás 20:000 horas, presentarase este libro do que é autor Santiago Prol. No acto participarán o alcalde Xabier Oviedo, Afonso Eiré [conselleiro delegado de Promocións Culturais Galegas, que edita a obra], Bieito Seara [director xeral de Acción Social da Xunta de Galicia], o historiador Francisco Carballo e o propio autor.

¿Como nace o proxecto que agora ve a luz neste libro?

Era unha asignatura pendente que tiñamos dende hai anos en Maceda. En 1996 encargounos a editorial A Nosa Terra que  fixésemos un traballo sobre Benigno Álvarez [Maceda, 1900-1937] para a publicación colectiva “Os mártires do 36”. En 1997, co PP gobernando en Maceda, na Deputación, na Xunta e no Estado, un grupo de amigos conseguimos que Benigno Álvarez tivese unha praza na súa vila. Tamén un monolito á memoria dos mártires do 36. Quedaba facer un monográfico sobre a súa figura de xeito rigoroso.

Monolito á memoria dos mártires do 36 en Maceda. Praza de Benigno Álvarez. Foto: Santiago Prol

¿Recupera a obra os episodios da represión que se están a sacar á luz no marco da Memoria Histórica?

Do Arquivo Histórico Militar [asentado no Ferrol] obtiven 1.500 documentos referidos á represión en Maceda. Tratábase de contextualizar ben pra recuperar a figura de Benigno Álvarez. Procuramos enmarcar axeitadamente aquel intre histórico. Esta obra rescata a faceta máis humana do veterinario comunista de Maceda.

¿Que aspectos aporta nese senso?

Foi fundamental descubrir que a filla de Benigno está viva. No libro inclúese a entrevista que lle fixemos. Mesmo nos conta como veu semiclandestinamente a coñecer o pobo do seu pai, ao que non chegou a coñecer, xa que o mataron cando ela só tiña tres meses de idade. Recollemos tamén a faceta de columnista no xornal La República, as súas ponencias sindicais e colaboracións en Mundo Obrero entre outros documentos.

¿Con que se vai atopar o lector que se achegue a esta publicación?

Cun Benigno Álvarez sen a aureola mítica de revolucionario, que lle valeu o alcume de “La fiera comunista”. Porén, gana en calidade humana aparecendo na súa verdadeira medida, mesmo facendo xustiza á importancia que tivo como persoa, como profesional, como militante comunista e como líder revolucionario”.

N.B.- Nas pp 163-179 inserimos a CONVERSA COA FILLA DE BENIGNO ÁLVAREZ [pinchar eiquí], que impresionou a non pouca xente e que logo saíu reproducida en varios medios.

Os comentarios están pechados.