TRAXECTORIA VITAL DE FRANCISCO CARBALLO(1925-2014)

TRAXECTORIA VITAL DE FRANCISCO CARBALLO(1925-2014)

Nace o 8 de marzo de 1925 no lugar de Celeirón (parroquia de Asadur, Maceda – Ourense). Cuarto de sete irmáns (4 homes e 3 mulleres). Infancia, diversión, inocencia, xogo e escola tenra dende os 5 anos. Primeira comuñón aos 6 anos. Monta a cabalo dende os 3 anos. Ilusión coas feiras de Maceda os días 4 e 20 de cada mes. Xogos na “carreira” continuos. Fogar entretido. Perda amarga da irmá maior cando ten 7 anos. Aos 11 pide estudar nos Milagres do Monte Medo, a 6 quilómetros da casa natal. No 2º curso, no verán, duro transo ao falecer de súpeto seu pai. Segue estudos. Aos 16 opta polo noviciado dos PP paúis. Catro anos en Madrid (internado filosófico atroz), outros catro en Cuenca (internado teolóxico amábel), no máis puro “nacional-catolicismo”. Presbítero aos 24 anos. Primeira misa en 1949 na catedral de Cuenca.
Profesor de seminario -cursos de Filosofía-. Estudante de Historia na Complutense (Madrid). Licenciatura en 1954 con sobresaliente. Comeza o doutorado, compatibilizando a dirección do colexio San Narciso de Marín, (1954-1958). Logo abandeira proxecto docente no colexio dos paúis de Barakaldo (1958-1965). No 1965 exerce como reitor do teologado dos paúis en Salamanca. Renovación teolóxica ao ar do Concilio Vaticano II. Oito anos decisivos para mudar de mentalidade. Declina a posibilidade de ser bispo e de facer carreira eclesiástica dende arriba.
En 1973 regresa a Galiza. Vigo como residencia. Vive con cregos obreiros nun piso. Profesor da Escola de Maxisterio e no Politécnico. Docente e animador cultural, político e relixioso. Actividade na Igrexa galega dos “Coloquios”, de Irimia, etc. Actividade no barrio de Lavadores e na Asociación Cultural de Vigo que preside varios anos. Cofundador e presidente de Promocións Culturais Galegas, editora d´A Nosa Terra (1977). En política milita na AN-PG e logo no BNG. Como escritor comeza (en castelán) en revistas relixiosas (1946-49). Publica El Santuario del Monte Medo (1963), que axiña se esgota. En Salamanca imprenta outros dous volumes. Varios ensaios en revistas internacionais…
Desvela a súa interioridade en Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002), obra de Santiago Prol e Xan Carballa. A esas conversas se remite. Toda a súa actividade xira arredor da historia, da reflexión teolóxica e do vivir dun galego crente. Ama a montaña, o mar, o silencio das noites de luar e os días de choiva quente. Nos artigos no semanario ANT e noutros medios, procura combinar pensamento e bo expresar, gañando consciencia da lingua galega na que milita e quere usar con rigor e estilo. Artella un diario de melancolía e soños dende os 16 anos que aos 60 bota ao lume; garda algo de 1963 e seguintes. Nos anos 90 redacta unhas Memorias (mecanoscritas) que serven a S. Prol e X. Carballa para as Conversas.
Vive no Morrazo dende que se xubila da docencia (1990). Comparte casa con paúles en Chan do Monte (Marín). Activo ministerialmente coa pequena Igrexa galeguizada de Irimia; culturalmente con colectivos, v.g. Fundación Joan Maragall (arcebispado de Barcelona), Maio Longo (Pontevedra), Pedra Longa (Marín), Os Cabaceiros e Aira das Mantas (Maceda), etc. Intencionadamente co BNG. Orador extraordinario. Gusta da investigación. Acepta o ensaio como diálogo cos lectores. Como historiador publica media ducia de libros capitais para a nosa memoria e unha ducia como coautor. Escribe n´ANT recensións de libros e columnas de opinión. Colabora n´A Trabe de Ouro, Seiva, Confer, Encrucillada, Anales C.M., Cadernos de Cultura, Alcatruz… Escribe periodicamente n´A Peneira e, ocasionalmente, na prensa xeral. Cofundador do xornal dixital de Sermos Galiza (2012). Morre con 89 anos en Salamanca, o 29 de novembro de 2014. Incinerado por expreso desexo, as súas cinzas acougan na campa de Asadur. Hogano a Asociación Amigos de Francisco Carballo, con cerna en Maceda, procura manter acesa a chama da súa memoria.

Fonte: Autobiografía (lixeiramente matizada) de Francisco Carballo (www.aelg.gal).

Foto: Xan Carballa (ca. 1985). Na Rúa Príncipe de Vigo con Francisco Carballo cun “look” un tanto transgresor.

Os comentarios están pechados.