UN LUSTRO NO ORFEÓN UNIÓN ORENSANA (3)

UN LUSTRO NO ORFEÓN UNIÓN ORENSANA (3)

Postal feita no Liceo de Ourense (ca. 1980). Arquivo do autor

Naquel lustro, ademais dos vinilos, promocionouse o Orfeón con postais como a que encabeza esta achega. Nela estamos en plena actuación no salón nobre do Liceo de Ourense, na rúa Lamas Carbajal, moi perto da sede da coral. O Liceo fora fundado en 1850, e por alí andaba o poeta macedán Xosé García Mosquera. Logo, nos anos 20 e 30 do século XX, outro poeta macedán, o galeguista Xosé Lois Parente. Outra postal fixérase na porta principal da Catedral de Ourense (moi parecida á do 1º LP) e unha terceira na Praza do Bispo Cesáreo, a carón da fonte central e co edificio do Orfeón como pano de fondo, que tamén funcionaba como sociedade cultural. Había un salón nobre no que se facían actuacións, impartíanse conferencias, ollábase a televisión, proxectábanse películas, socializábase… Outrosí tiñamos unha biblioteca, mesmo con prensa local e de carácter xeral (e tamén con revistas), un ambigú e unha zona de xogos. Todos os compoñentes da coral tiñamos acceso a todas as actividades e estancias do mesmo. Os ensaios facíanse na planta baixa (os luns as voces femininas, os martes as voces masculinas e os xoves todos xuntos. Cando había actuacións próximas, ensaiabamos conxuntamente varios días da semana).

Contraportada do LP compartido entre o Orfeón Unión Orensana & Coral Poliphónico de Coimbra, 1985. Arquivo do autor

A irmandade con esta coral lusa foi acesa naquel lustro. Nós actuamos con eles en Coimbra varias veces e eles fixeran o propio en Ourense, tamén unhas cantas veces. Este vinilo gravárase despois daquel lustro, cando xa emprenderamos unha nova aventura en Compostela. Porén, os temas eran da nosa xeira. Todo moi clásico: Schubert, Giordano, Mozart, Verdi e Monteverdi pola cara A, a cargo do Orfeón Unión Orensana, dirixidos polo mestre e organista don Xerardo Salgado Valdés. Na cara B, todos os temas interpretáraos a Coral Poliphónica de Coimbra. A maioría eran composicións do seu mestre e pianista José Firmino, xunto cun coñecido espiritual negro (“Soon ah will be done)… Nas comidas de confraternidade cantabamos distendidamente temas desta banda e da outra do Miño. A máis entrañábel, a “Balada da despedida. Coimbra tem mais encanto…” cantabámola ao remate das comidas ou ceas todos xuntos. Paga a pena rememorala. Beizón!

Fonte: PortuguesFado

Os comentarios están pechados.