“ALBANTA” DE AUTE NO PUB ALBANTA
O emprendedor e cantautor Pi [Juan Hermida], a comezos dos anos 80, tivo a ben artellar o Pub Albanta na vila de Maceda, evocando aquela singular cantiga de Luís Eduardo Aute, cuxa orixe estaba nunha verba inventada por un dos seus fillos cando eran moi cativo [outrosí o seu universo paralelo ceibe]. O cantautor Pi rehabilitara a vedraña tasca do Carlos Quintas, que estaba indo cara as piscinas municipais, polo Rouso abaixo. O Pi e a súa compañeira montaran un espazo de lecer moi empático e moi interactivo. Mesmo tiña unha terraza ao aire libre entre maceiras e outras árbores froiteiras. O emprendedor Pi tocaba a guitarra, interpretaba aos seus cantautores máis aquelados [Aute, Krahe, Sabina, Ibáñez, Batallán, Prada…] e os da Nova Trova Cubana [Milanés, Silvio…]. Tamén cantaba temas propios mesmo, andando o tempo, gravou CDs. A verba albanta asociada a un pub de Maceda implicaba cosmopolitismo, singularidade e actualidade. Como diría aquel alcalde e vello profesor, “estabamos ao loro” nesta nosa vila da Galiza interior. Eis a fermosa composición cantada polo seu creador Luís Eduardo Aute, ao que tivemos oportunidade de escoitar, interpretándoa en directo, eiquí en Compostela e tamén na cidade da Coruña. Listen: