AUTOBIOGRAFÍA DE FRANCISCO CARBALLO / BVG (1)

AUTOBIOGRAFÍA DE FRANCISCO CARBALLO / BVG (1)

Descuberta da placa vindicativa na súa casa natal. Francisco Carballo co ex alcalde Bieito Seara e o alcalde Manuel Rodríguez Carballo. Celeirón, 4/VIII/2000. Arquivo do autor

“Son de Celeirón de Asadur (Maceda – Ourense). Nacín o 8 de marzo de 1925. O cuarto de sete irmáns (catro homes e tres mulleres). Lembro a miña infancia como inocencia e xogo. Fun á escola aos cinco anos; fixen a 1ª comuñón aos seis. Montei a cabalo desde sempre porque me levaban de neno e sabía montar desde os tres anos. Era unha infancia divertida: a escola tenra; as feiras de Maceda os 4 e os 20, unha ilusión; os xogos na “carreira” continuos; a familia, un fogar entretido. Perdín, por falecemento, a irmá maior cando tiña eu sete anos: foi moi amargo. Aos 11 anos pedín ir estudar aos Milagres, un santuario cunha preceptoría a seis quilómetros da miña casa. No 2º curso de bacharelato, no verán, faleceu meu pai: moi duro transo. Seguín estudos. Aos 16 anos optei por un noviciado dos Paúles en Madrid. Catro anos en Madrid máis catro en Cuenca de estudos filosófico-teolóxicos. No máis puro “nacionalcatolicismo”, nun internado filosófico atroz, mentres o teolóxico resultou amábel. Presbítero aos 24 anos, o 3 de xullo de 1949 na catedral de Cuenca. 

F. Carballo escoitando á súa sobriña Milagros Calvo Carballo en Celeirón, 4/VIII/2000. Arquivo do autor

Profesor de seminario —cursos de Filosofía— e estudante de Historia na Complutense (Madrid). Licenciado no 1954 con sobresaínte. Iniciei o doutorado a compatibilizar como director do colexio San Narciso de Marín, 1954-1958. Deste fun para o colexio de Barakaldo, 1958-1965. No 1965 reitor do Teologado de Paúles en Salamanca. Renovación teolóxica ao ar do Concilio Vaticano II. Así 8 anos decisivos para mudar de mentalidade. En 1973 decidín voltar ao meu país. Vigo como domicilio; profesor da Escola Universitaria de Maxisterio e horas no Politécnico. Profesor e animador cultural, político e relixioso. Actividade relixiosa na Igrexa galega dos “Coloquios”, de Irimia, etc. En Vigo había cregos obreiros e con eles vivín. Actividade cultural directa no barrio de Lavadores e na Asociación Cultural de Vigo que presidín uns anos. Cofundador e presidente de Promocións Culturais Galegas, 1977, editora d´A Nosa Terra. En política tomei parte na ANPG e logo no BNG (…)”.

Os comentarios están pechados.