FRANCISCO CARBALLO, OTERO PEDRAYO E O BISPO TEMIÑO

FRANCISCO CARBALLO, OTERO PEDRAYO E O BISPO TEMIÑO

Francisco Carballo lendo un manifesto a prol da lingua galega en Vigo. Foto: Xan Carballa

Imprenta Carlos Callón no “best seller” O libro negro da lingua galega (Xerais, 2022), páx. 557, a entrada “O silencio clamoroso da xerarquía eclesiástica” [xullo de 1960]. Eis o recuperado por Callón, que xa tiñamos comentado co historiador e presbítero ilustrado de Maceda no libro das Conversas [Prol / Carballa, 2002] (*):

“Imos transcribir a historia tal e como a relata Daniel López Muñoz en O idioma da Igrexa en Galicia (Consello da Cultura Galega, 1989), que indica que a súa fonte foi o crego Francisco Carballo:

Otero Pedrayo nun relatorio vindicando a Rosalía de Castro en Padrón. Fonte: Fundación Otero Pedrayo

No decurso da celebración do terceiro Centenario de San Vicente de Paúl no Santuario dos Milagres (Val do Medo, Ourense) e tras a bendición da mesa polo bispo Temiño –co rezo dun “Padre Nuestro”-, Otero Pedrayo, invitado para dar unha conferencia alí, ergueuse e increpou abertamente ao señor bispo de Ourense: “¿Por que a Igrexa non reza en galego?” Fíxose durante un momento un gran silencio”.

Engade Callón: “O silencio perdurou, e en boa parte aínda perdura”.

O bispo de Ourense monseñor Ángel Temiño Sáiz na Coroación da Virxe dos Milagres. Arquivo do autor

(*) N.B.- Recuperamos a versión que nos contou Francisco Carballo nas Conversas [2002], páx. 104:

“Fun a Trasalba e falei con Otero Pedrayo cando o centenario da morte de San Vicente de Paúl, no 1960. Contactei con el para que viñese botar un discurso e pediume que lle levase un libro sobre o fundador da nosa orde. Fixen de presentador de Otero Pedrayo no acto do terceiro centenario. Logo fomos comer alí no Santuario dos Milagres. Tamén estaba o bispo de Ourense que suxeriu rezar antes. Ao escoitalo Otero espetoulle: ¿por que non reza vostede en galego? Moitos dos presentes tomárono como unha folclorada e non entenderon a mensaxe de Otero. O bispo Temiño fixo en latín a beizón da mesa”.

Santuario dos Milagres do Monte Medo. Foto: Santiago Prol

:

Os comentarios están pechados.