O TÍO TINO, UN PEQUENO GRAN HOME

O TÍO TINO, UN PEQUENO GRAN HOME

Retrato da Familia Prol, de esquerda a dereita: Maruja, Santiago, Avelina, José, Carmiña, o avó Facundo, Tino, Juan e Fernando. Comezo dos anos 40.

O 19 de xullo de 2016 finou con 80 anos Juan Prol Cid, cronista local, xefe de Correos, alcalde de Maceda, persoa erudita, boa e xenerosa. Para nós o tío Juan foi o poeta Lorp Dic (léase Prol Cid ao revés), brincadeira que el empregou como pseudónimo para asinar traballos e poesías. O 20 de febreiro de 2017 finou con 78 anos Constantino Prol Cid, profesor e catedrático de Filosofía (fundador do Grupo Aletheia), director de instituto, inspector de Educación, socialista de primeira hora e de corazón (estaba nas listas negras do 23-F), político a tempo parcial, persoa de ideas avanzadas, outrosí bo e xeneroso con toda a familia e cos demais. Para nós sempre foi Tino; o tío que tiña chegado máis lonxe. Juan fora o sétimo de oito irmáns e Tino o máis novo. Orfos de nai dende moi cativos, viñeron ao mundo no seo dunha familia moi modesta. O avó Facundo fora carrilano e logo -xa viúvo- ferreiro na vila de Maceda, oficio que tivo a ben herdar meu pai. Todos saíron adiante nos durísimos anos da fame e todos procuraron un oco como emprendedores: o tío José co Café Prol, logo reconvertido en establecemento comercial; o tío Fernando cun pequeno taller que foi medrando até converterse nos talleres mecánicos de referencia da contorna; meu pai Santiago, primeiro coa forxa, logo simultaneando coa fontanería e, ao remate, cunha carpintería metálica. Había que adaptarse aos novos tempos. Os dous irmáns pequenos foran persoas socialmente relevantes. Os tíos Tino e Juan eran os referentes familiares de éxito por esforzo deles (e dalgún irmán maior inicialmente). Tamén polo seu enorme mérito, compromiso e capacidade. Algúns sobriños procuramos ese norte xa en tempos menos duros. Agora ben, quedounos pendente unha longa conversa con Tino e con Juan. Mesmo un proxecto de biografía familiar nucleada arredor da heroicidade dos oito, con eles como fío condutor. Vimos de despedir no Val Miñor a Tino, que morreu nas mesmas datas que meu pai oito anos despois. Xa nos deixaron os cinco irmáns varóns. Abofé que todos eles eran boa xente, aínda que a vida non os tratou como debería. Quedan entre nós -resistindo- as tres tías: Avelina, Maruja e Carmiña. Tino foi «un pequeno gran home» en verbas da súa filla Inés (salientar como anécdota que el mesmo tivo a fortuna de ollar in situ dende Cabo Kennedy o lanzamento do Apolo XI, o 16 de xullo de 1969, nun dos intres máis relevantes da historia da Humanidade). Que che sexa leve a terra, como arelamos lle fose aos outros catro irmáns. Ti tamén chegaches demasiado cedo a unha morte que non che pertencía. ¡Beizón por todo!

N.B.- Este obituario saíu publicado no xornal La Voz de Galicia o 25 de febreiro de 2017.

Os comentarios están pechados.