POLÍTICOS DE MACEDA NAS LISTAS DO 23-F
Aos dez anos do escuro intento de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, o xornalista coruñés Carlos Fernández Santander tivo a ben publicar as listas negras dos controlados no 23-F no Noso País no xornal La Voz de Galicia no que colaboraba con asiduidade, nomeadamente con temas relacionados co Exército e as FOP. Había outras listas a nivel estatal… Lograra Carlos Fernández aquelas listas de fontes “off the record” da dereita, extrema dereita e do propio Exército [era fillo dun militar coruñés de alta graduación]. Había 500 nomes, por orde alfabético, con moitos erros de bulto. Unha “lista chapuza a xogo coa tejerada” en verbas do historiador Justo González Beramendi.
Nesas listas aparecían dous políticos de Maceda. Imos exhumalos coa “literatura ultradereitista” coa que foron fichados: “Carballo Carballo, Francisco.- profesor de historia, ex-sacerdote, nacionalista radical”. Outrosí “Prol Cid, Constantino.- profesor socialista vigués”. Nas Eleccións de 1977 o historiador [e sacerdote] Francisco Carballo presentábase ao Senado polo BN-PG na circunscrición de Ourense. O catedrático de Filosofía Constantino Prol Cid ía nas listas ao Congreso polo PSOE na circunscrición de Pontevedra. Os dous traballaban na docencia naquela altura na contorna de Vigo… Colateralmente [con vencellos familiares en Maceda], até poderiamos engadir dous nomes máis coa mesma “literatura ultra”: “Movilla Álvarez, Claudio.- magistrado comunista de La Coruña” e Núñez Rodríguez, Carlos.- comunista vigués, peligroso”…
En non poucos dos fichados aparecía que tiñan armas, que eran moi perigosos, mesmo que había partidarios da loita armada, que tiñan depósitos de explosivos, con gran predicamento entre a masa estudantil… Aos 20 anos do 23-F a revista Tempos Novos, no núm. 46 [2001] volvía reproducir aquela lista, que “puido ser mortal para a recentemente estreada democracia, na que non están todos os que eran, pero son demócratas todos os que están”. Pasaron 43 anos daquela “bretemosa intentona”, nunca aclarada de todo. Semella que axexan malos tempos [non só para a lírica]. Lembremos a consigna na que sempre insistía Francisco Carballo: “A historia non se repite, pero amosa ciclos que poden asemellarse”.
N.B.- Eis dous enlaces vencellados coas biografías dos macedáns fichados no 23-F: