BIEITO SEARA, O POSITIVISMO, A VITALIDADE E O COMPROMISO

BIEITO SEARA, O POSITIVISMO, A VITALIDADE E O COMPROMISO

Portada do folleto das Eleccións Municipais, 1999

Cando Bieito foi nomeado Director Xeral de Acción Social da Secretaría do Benestar, inserida na Vicepresidencia do Goberno Bipartito [25 de agosto de 2005], preparamos un encomio do que imos rememorar o máis salientábel:

Bieito exercendo nun acto institucional como alto cargo da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Agosto de 2008. Fonte: xornal La Región.

“Bieito Seara pertence á colleita de 1960 [nacera o 13 de marzo ás 4 da tarde]. De moi cativos compartimos aula en párvulos cunha sádica e voluminosa mestra que mallaba a cotío en nós. A mediados daquela década inaugurouse o Grupo Escolar Cardeal Quiroga Palacios. Bieito, que xa vivía fronte daquel centro de ensino, levaba o espírito negociador nas veas. Chegamos en 1970, con dez anos de idade, ao Colexio dos Milagres. Non sabemos por que, pero nós quedamos no vello Bacharelato [o dos 6 cursos] e Bieito na nova EXB [a das fichas a esgalla]. El estivo alí 9 cursos escolares: os da EXB, os 3 de BUP e o ano de COU. No Monte Medo compartimos recreos, amizade e soños. Naquel singular marco -ao pé da Serra de San Mamede- non aprendemos demasiado das materias troncais. Porén, si fasquías transversais que non viñan nos deseños curriculares. Algúns docentes flirteaban co nacionalismo galego. Outros mergulláronse de vez. Nas aulas aparecían voceiros clandestinos. Existían dúas bibliotecas. Unha exclusivamente en galego moi ben dotada, que o Peleteiro se encargaba de fornecer coas novas que ían saíndo do prelo. O colexio estaba subscrito a “Teima” [dende novembro de 1976] e a outras revistas que agromaban en galego. Mesmo tiñamos cine fórum en colaboración co Cineclube Padre Feijóo de Ourense que abandeiraba o malogrado pedagogo Xosé Paz. Lembramos dúas de culto: “Amarcord” de Fellini e “Furtivos” de Borau [dous “goles” que lle meteran ao Arturito, que non sabía como esvaecer as escenas eróticas na primeira e as violentas na segunda, pois estabamos nun colexio de curas].  

Bieito na súa intensa etapa como líder activista a prol do Instituto de Maceda, ca. 1986

Bieito fixo incursións nos instrumentos tradicionais galegos no Colexio dos Milagres da man do Peleteiro. O vinilo “Aí vén o maio” de Batallán soaba nos recreos pola megafonía. Algunha materia impartida en galego [que estaba prohibido] era vixiada pola parella da Garda Civil de Maceda que, por “chivatazo” interno de alguén da comunidade dos Paúis, axexaba intimidatoria polo Monte Medo. As Primeiras Xornadas do Ensino, con potente carga policial incluída, agromaran nos Milagres. O Rubio [Xaquín Anta] e o Alfredo [Suárez Canal] exercían alí como matemáticos. Bieito xa estaba enganchado ao carro do nacionalismo en COU. Alí escoitou a Fuxan os Ventos, aos restos de Voces Ceibes e a Suso Vaamonde. Logo matriculouse en Empresariais en Vigo. Dende 1980 até o 86 estivo en Santiago de Compostela. A cidade universitaria era un fervedoiro político. Na Facultade de Económicas e Empresariais, ademais de facer a carreira, enchoupouse naquel vieiro. Abondaban catedráticos e profesores non numerarios na órbita nacionalista. Viviu na Rúa dos Pelamios, nun apartamento coa súa irmá. Despois foi para o Burgo das Nacións, creado polo Cardeal Quiroga Palacios co gallo do Ano Santo de 1965, e logo readaptado como una inmensa residencia moi politizada. Alí e na facultade exerceu como activista dos Comités Abertos de Facultade [CAF].

Bieito Seara e Santiago Prol na cafetería do Cesáreo en Maceda, ca. 1980

A comezos de 1986 licenciouse en Económicas pola USC. Tivo o seu primeiro traballo nunha xestoría abeirada á Ponte Romana de Ourense. Despois instalouse no centro da cidade cun proxecto empresarial, hogano referente no eido da xestión [Asesoría Bieito]. Dende 1989 simultaneou ese traballo coa docencia. Aprobou as oposicións ao Ensino Medio en 1991. Ademais de economista, exerceu como xestor, corredor de seguros, administrador, consultor de empresas, asesor fiscal, laboral, mercantil…

Pegatina do 2º Fiadeiro do Mencer do Castelo de Maceda. Agosto de 1985 [Arquivo do autor]

En Maceda moveuse como activista dende moi novo. A comezos dos 80 recuperou e deulle un novo pulo á Agrupación Cultural Os Cabaceiros. Artellou os Fiadeiros do Mencer con acesas queimadas acompasadas de películas de terror na Torre [Castelo de Maceda]. Organizou o cinema ao aire libre na Aira das Mantas: “Alien, o oitavo pasaxeiro”, “Escopeta Nacional”, “Patrimonio Nacional”… No verán de 1985 instalou unha emisora experimental, xermolo do que logo sería Radio Maceda.

Bieito nun acto oficial de Vicepresidencia en 2007. Fonte: Galiciadigital.com

Na primavera de 1987 asistimos ao mitin central de Bieito como candidato da Unión Progresista de Maceda [UPdeM] á alcaldía. El falaba de “causas endóxenas e causas esóxenas”, subindo moito o nivel do debate político. Dende aquelas eleccións municipais pasou 18 anos traballando a prol do noso concello [alcalde do BNG en 1995]. Outrosí organizou a Comisión Pro-Instituto. Teimudo, mobilizou aos veciños da bisbarra até que o IES foi unha realidade. Os dous sabemos de certo informe “top secret” que desestimaba o proxecto por mor da “ratio” da nosa contorna. Aquel documento -por iniciativa do Bieito- chegou ás mans do deputado nacionalista Bautista Álvarez [líder da UPG], que o aproveitou para neutralizar aos gobernantes do PP en sede parlamentaria. Os dous tamén sabemos como agromou a compra, por parte do Concello de Maceda, do Castelo que aínda era propiedade da condesa. A oportuna presión mediática en “prime time” que conseguimos nos telexornais sobre o deterioro e abandono, xunto coa cintura amosada por Bieito [e o sentidiño e pragmatismo das autoridades locais naquel intre], fixo que hogano o Castelo sexa propiedade do pobo de Maceda.

Pegatina iconográfica do Carrabouxo tuneada por Bieito a prol do Instituto de Maceda [co permiso do Xosé Lois], ca. 1986

Da súa curta xeira como alcalde salientariamos as Festas das Neves daquel 1995, coa presenza do cantautor Suso Vaamonde e as Primeiras Noites Folk do Castelo. Axiña comezaron as manobras e o xogo sucio, impedindo que Maceda se consolidase como “territorio liberado”. A aventura apenas durou nove meses. O 25 de marzo de 1996 imprentamos no xornal La Región: “A moción de censura a Bieito Seara foi eticamente reprobábel, politicamente impresentábel e, aínda que xuridicamente legal, non foi lexítima. Xogaron coas cartas marcadas e con escuros movementos de tafures, ao seducir a concelleiros dispostos a ese tipo de operacións, mesmo de organizacións que se din de esquerdas”. [O único concelleiro do PSOE chegou á alcaldía co apoio dos 5 do PP].

No Roteiro “Os lugares de Francisco Carballo”, cuns amigos no Parador de Turismo de Pontevedra, que fora pazo dos Condes de Maceda. Novembro de 2019

Logo veu a homenaxe a Benigno Álvarez. Bieito estivo en primeira liña na dignificación dos caídos e represaliados da nosa contorna no 1936 e anos posteriores. Na actual Praza de Benigno Álvarez aínda ecoa o vehemente discurso que pronunciou, denantes do recital poético. No 2000 chegou o recoñecemento a Francisco Carballo na súa terra de orixe. Xunto do doutor Celso Sánchez e nós mesmos, artellamos con el unha xornada memorábel en Celeirón de Asadur e na Biblioteca Pública que hogano leva o nome do historiador. Outrosí na carpa, ao pé do Castelo, no que fixemos unha cea enxebre de confraternidade co “Fillo máis sobranceiro vivo de Maceda”, aquel 4 de agosto [feira en Maceda], con máis dun cento de persoas.

Bieito nun mitin recente (2020). Foto: Santiago Prol

Dende moi novo Bieito amosou unha enorme potencialidade. Sempre foi fiel aos amigos. Tivo a Xosé Manuel Beiras como profesor de Estrutura Económica e como referente ideolóxico. Outrosí a Anxo Quintana como mestre na política cotián, na intuición e no pragmatismo. Dentro da súa organización sempre cobizou un proxecto moi ambicioso para a bisbarra de Maceda, sen perder a visión de conxunto do Noso País. Sen a presenza do nacionalismo moitas “causas” endexamais serían unha realidade na Galiza. O paralelismo serviría para Bieto e para Maceda. A semana anterior a todas as eleccións [locais, autonómicas ou estatais] sempre lle remesabamos unha postal na que lle puñamos que “o vento da historia ía soprar da nosa banda”, intertextualizando ao Ferrín de “Retorno a Tagen Ata”. Rematabamos aquela loa dicindo que o vento si soprara, aínda que con menos intensidade da demandada [o BNG ía en minoría no Bipartito co PSOE], e que Bieito comezaba unha nova andaina na súa traxectoria: “Sabemos da súa autoestima, do seu positivismo e da súa enorme capacidade de traballo a prol do Noso País. Beizón amigo, saúde e sorte nesta nova xeira pra Galiza”. Logo pasou o que pasou coas manobras dos poderes fácticos e dos suprapoderes. Así, o proxecto que ía -cando menos- para oito anos, quedou en menos de catro. Unha mágoa…

Na Asesoría Bieito (Fonte: xornal La Región]
Os comentarios están pechados.