VLAD TEPES ROMANCEADO POR STOKER

VLAD TEPES ROMANCEADO POR STOKER

Foi na primavera do curso 1975-76, cando estabamos en Sexto (do antigo Bacharelato Superior, o da Lei de 1953 de Ruiz-Giménez,  anterior á de Villar Palasí, a da EXB e o BUP de 1970). Naquela altura, por agasallo familiar (dende Terra Ancha), chegou ás nosas mans unha novela que nos deixou abraiados e que devoramos nun par de sentadas. “Drácula” de Bram Stoker (1897) sobordaba as 450 páxinas. Con ela medrou a nosa vocación lectora. Non imos contar as orixes da historia romanceada polo escritor irlandés, mesmo considerada unha das mellores do XIX, un século atestado de novelas canónicas. Tampouco repararemos desta volta na traxectoria vital do príncipe Vlad Tepes (Dracul), que pasou á historia co sobrenome do Empalador, polo seu sanguinario e terrorífico xeito de tratar aos inimigos. Volvemos ler este clásico ao longo da nosa vida. Témolo en varias edicións. Agasallamos aos nosos fillos coa versión en banda deseñada despregábel. Ollamos un bo feixe de adaptacións cinematográficas, dende a de Bela Lugosi de 1931 como protagonista, até a canónica de Coppola de 1992 como director. Seguimos presencialmente as súas pisadas en Sighisoara, Bucarest, Târgoviste, Castelo de Bran -perto de Brasov-, onde filmou Coppola, sen constancia histórica da presenza do Vlad, pero cunha parafernalia de merchandising arredor do canónico filme e do mito en torno ao Tepes, hogano considerado heroe nacional en Romanía.

Pintura da faciana do príncipe de Valaquia, Vlad Tepes (Dracul) -o Empalador- (1431-76)

Un feixe de nomes quedaron gravados para sempre no noso maxín: Jonathan Harker, Van Helsing, Mina, Lucy, o neurólogo Seward, o seu enigmático doente Rendfield… Lembramos un programa monográfico de La Clave (que dirixía Balbín en TVE-2), onde proxectaran a película, logo viña o debate e os consellos bibliográficos (remataba arredor das 2 da mañá). A Cadena SER dispón dun singular programa noitébrego, de 5 a 6 da mañá os domingos, titulado “Un libro, una hora”. Recentemente fixeron unha recreación radiofónica sobre a canónica novela de Bram Stoker, á que xa por sempre estamos vencellados.  En castelán (a compañía RTVG aínda non tivo a ben algo parecido) vai mergullándonos naquela atmosfera dunha abraiante Transilvania e dun bretemoso Londres, onde transcorre boa parte da trama. Pinchemos este enlace da Cadena SER e gocemos outra volta deste clásico da Literatura Universal. Beizón!

Os comentarios están pechados.