IN MEMORIAM DE MARISA VIDAL EN ENCRUCILLADA

IN MEMORIAM DE MARISA VIDAL EN ENCRUCILLADA

A revista galega de pensamento cristián Encrucillada agromou co facho do Concilio Vaticano II. Francisco Carballo colaborou dende o malogrado núm. 0 (1974). Ao pouco do pasamento do presbítero ilustrado de Maceda (o 29 de novembro de 2014), foron aparecendo lembranzas de colaboradores salientábeis en Encrucillada. No núm. 191 (xaneiro-febreiro 2015) Marisa Vidal, Rubén Aramburu e Antón Gómez fixeron sentidas achegas. No Guieiro dese número (vol. XXXIX) imprentaba o director, Pedro Castelao, que “o pobo galego perde, coa morte de Francisco Carballo, un dos seus máis constantes loitadores pola identidade do Noso. Porén, a historia de Galicia gaña, co seu pasamento, un novo nome cuxo traballo está destinado a permanecer fecundando novas angueiras”.

Desta volta imos lembrar o vindicativo texto de Marisa Vidal Collazo, que titulou Paco Carballo. Comeza cunha estrofa do poema “Eu en ti” (O soño sulagado) de Celso Emilio Ferreiro. Seguimos a Marisa Vidal:

Marisa Vidal Collazo. Fonte: wikipedia.org

“Así foi a relación de Paco Carballo con Encrucillada e con Irimia. En 1966, nos Coloquios de Cregos, cando a Igrexa galega empezaba a espreguizarse cos ventos renovadores do Concilio Vaticano II, Paco Carballo estaba naquel grupo que soñaba cunha revista de pensamento cristián en Galiza. Cando no ano 1974 se elaborou o núm. 0 da revista Encrucillada, número que nunca vería a luz afogado polas censuras franquistas, Paco Carballo tamén estaba alí. E cando a censura atrasou até febreiro de 1977 a saída do 1º número de Encrucillada, tamén Paco Carballo estaba alí. Non hai máis que ver as sucesivas colaboracións que escribe no núm. 2, no 3, no 5, no 10, no 17, no 20… Logo as colaboracións espállanse máis, pois xa aquela meniña chamada Encrucillada ía collendo forza por si mesma e non precisaba estar tan pendente de alimentala. Iso si: Paco Carballo sempre estaba alí para o que fixera falta. Cando algo lle pedimos, sempre respondeu lixeiro…, dende a historia, a súa grande paixón, e a fe, o seu motor de vida. Achegounos a figuras como Basilio Álvarez, Martín Sarmiento ou Alexandre Bóveda, persoas crentes de fe rexa como a súa, malia ás adversidades (…).

Na primeira Romaxe de Crentes Galegos, no Pedregal de Irimia, en setembro de 1978, Francisco Carballo bautizouse con todos nas augas do Miño e proclamou: “¡Eu renazo galego!”.

En 1981, tamén Paco está arrombando para que saíra do prelo o primeiro número da revista Irimia. Precisamente o último texto que saíu das súas mans foi unha biografía de Alexandre Bóveda, publicada nun libro colectivo titulado Bóveda cristián, nos cadernos do Xalgarete, editado pola asociación xuvenil Amencer de Ourense. Hai moitos paralelismos na maneira de ser de Paco e Alexandre (…). Paco, falando de Bóveda aporta: “A súa vida de paz e alegría. O catolicismo de Bóveda era aperturista e recoñecía a autonomía da política. Era un cristianismo profundo do que dá fe coa súa vida, paixón e morte”. Xusto como Paco.

Paco Carballo pertence á xeración do ferro e as rosas. Formouse e medrou nunha igrexa preconciliar, ríxida, abafante, de ferro, e soubo transitar con decisión e valentía pola liberación que para nós, supuxo o Concilio Vaticano II. Sobreviviu á crise que a renovación do Concilio supuxo, sendo fiel a si mesmo e ao espírito das benaventuranzas, e fíxose un, con todos naqueles novos tempos, coa nova xente que emerxía en Galiza traballando pola paz. Co corazón limpo e sinxelo, con espírito de pobre, preferiu a súa fame e sede de xustiza, liberar e facer medrar Galiza dende abaixo, dende os últimos, antes que encasquetarse unha mitra episcopal ou unha cátedra universitaria (…). Dende o fondo do corazón, grazas, Paco”.  

N.B.- O poema “Eu en ti” do libro “O sono sulagado” (1955) de Celso Emilio Ferreiro, fora musicado por Suso Vaamonde, cantautor que actuou en Maceda invitado pola Agrupación Cultural Os Cabaceiros en 1975 e logo noutras ocasións. A Francisco Carballo gorentáballe este egrexio cantautor [nado en Pontecaldelas en 1950 e finado en Vigo en 2000]. Suso Vaamonde dérase a coñecer, precisamente na Asociación Cultural de Vigo (da que fora presidente Carballo) con só 16 anos de idade.

Os comentarios están pechados.