ETERNAMENTE MILANÉS

ETERNAMENTE MILANÉS

Enterámonos onte -ao raiar o día- que Pablo Milanés [un dos grandes cantautores da nosa vida] nos deixara… Tivemos a oportunidade de escoitalo en directo varias veces [logo dalgunhas anulacións por mor da súa saúde]. Unha das memorábeis foi nunha megaactuación altruísta dun bo feixe de cantautores no Multiusos de Sar, eiquí en Compostela, a prol de NUNCA MÁIS e ao abeiro da morea de actos de dignificación, naquel histórico Nadal do 2002. Volvemos escoitalo co seu amigo Luís Emilio Batallán no Teatro Principal non hai demasiado tempo. Cantaron outra vez a dúo “Aí vén o maio”, nun galego agarimoso con acento do Caribe [Milanés, como bo galego de adopción, pasaba tempadas con nós. Estaba casado cunha historiadora galega orixinaria de Pino de Val, no concello de Mazaricos]. Hoxe queremos lembralo cunha das cantigas que nos acompañan no C5 dende sempre. Atopamos na arañeira unha fermosa versión a dúo -en directo- coa súa filla Haydée. ¡Que lle sexa leve a terra neste ano tan mouro! ¡Beizón!

Fonte: Haydée Milanés [2017]

Os comentarios están pechados.