CARTA AO SEÑOR FUTURO
A comezos de 2008 Francisco Carballo imprentou no semanario ANT unha columna con ese título. Sabíamos da súa querenza polos escritores uruguaios Eduardo Galeano e Mario Benedetti. Nós tivemos a fortuna de escoitalos -ao igual que Carballo- eiquí en Compostela máis dunha vez aos dous:
“Non quero deixar de sumarme a ese agasallo en galego de Eduardo Galeano [Laiovento, 2008], unha escolma longa e trepidante de artigos deste avogado e xornalista para nós (…). De Galeano teño sempre á man “Las venas abiertas de América Latina” [1971]. Mil veces a completar coas veas abertas de Galiza. Esta Patria que non se significou na colonización e si na emigración a todo aquel continente. As nosas veas foron abertas eiquí e aló. Galeano é un xornalista que peta nas conciencias. Os seus artigos estalan de novo. Fixérao en Compostela, 2006, nunha conferencia sobre os sete pecados capitais. O racismo segue e envurulla pouco entre nós, moito nos “cabezas rapadas” dos nacionalismos estatais. Ten ao machismo como aliado. Entre nós aínda existe autoodio que devora familias e produce bífidos e mercenarios das metrópoles. Son algúns dos que nin foron a Balaídos o 27 de decembro [2007], nin seleccionaron a TVG nese evento, porque de iren, ao mellor curaban [xogaba a Selección Galega de Fútbol contra a Selección de Camerún co resultado de 1-1]. Galeano numera máis: a represión en escada, o mundicidio –o maior magnicidio da historia- , os satelitismos dos “mass media”, e os “medos” a cambiar. Estes, que sempre están a dicir “máis vale o malo coñecido que o bo por coñecer”. Son os “obedientes” que odian, mais se someten por un prato de lentellas. Temos, por envío de Eduardo Galeano, unha doazón que ven dicir: abride os ollos, non teñades medo, desde Montevideo fitan e confían en vós”. Eis a demoledora “Carta ao señor futuro” en verbas do propio Galeano. ¡Saúde e sentidiño!